Patrocinado porPatrocinado por

A pesca e a protesta do cerco

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

PESCA Y MARISQUEO

18 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois de semanas negociando nos despachos de San Caetano e manifestándose no prado de enfronte, as xentes do cerco fartaron, sentíronse insultadas e burladas e baixaron ao Parlamento co resultado coñecido: unha protesta descontrolada e unha torpe actuación policial á que xa nos empeza a acostumar este ministro, de Ceuta ao Hórreo. Tamén houbo outro resultado inmediato, a ampliación da protesta co paro total das lonxas de Coruña e Vigo e unha ameaza de mobilización de todo o sector en vésperas electorais que deu lugar a unha nova negociación en marcha para un reparto máis equilibrado na flota do Cantábrico, ao xeito que reclamaban galegos e asturianos.

A contundencia das protestas de mariñeiros e armadores chamou a atención case tanto como os argumentos usados na discrepancia cos criterios de reparto do ministerio, fronte aos que eles apoñen un reparto que «favoreza aos que menos teñen» que «garanta o traballo para todos» que atenda ao número de tripulantes e non ao número de barcos; que permita un mínimo para todos os cerqueiros. Non menos chamativas foron as duras críticas por parte do representante dos armadores á mala xestión do asunto polo Goberno galego e o PP como partido que o sustenta, contra a conselleira, técnica pero non política e un presidente, este si político, ausente en todo este asunto, non obstante debecer polas rías galegas. Enganados e desatendidos por aqueles nos que depositaran a confianza política para representar os seus intereses pola democrática vía do voto, mesmo tiveron que lembrarlles as súas obrigas a través de Vía V en V Televisión, mentres as cadeas públicas galegas desinformaban ao xeito, nunha estratexia coherente coa acción policial na relembranza de pasados ditatoriais que críamos superados.

A dureza da protestas deriva deses argumentos incomprendidos e do seu significado: queren asegurar o sustento nunha época de paro que cerca tamén aos do cerco; séntense enganados por aqueles en quen depositaron a confianza política da solución dun problema e que nin saben nin queren defender os seus intereses. Nada estraño tendo en conta os criterios dun ministerio dirixido por un propietario agrario jerezano que pouco sabe deste asunto. Nada novo, España é un grande Estado pesqueiro sen que os seus gobernantes acaben de se enterar, máis que de cando en vez e agora seica non toca. E ao cabo os argumentos igualitarios, tan comúns na lóxica da economía moral rural, a mesma que fai deste un país de milleiros de pequenos propietarios de terras onde domina a igualación nunha tradición que podemos remontar -no discurso- aos irmandiños. O da pesca non é un problema de produtividade, senón de sustentabilidade, que debe ser abordado xusto ao revés de como se viña facendo segundo os criterios hiperproductivistas que nos trouxeron aquí e que seguen inercialmente dominando. Precisamente a vella cultura do mar e as súas prácticas, tantas veces vistas como atrasadas, artesanais, antisindicais e requeridas de desaparición, poden volverse un instrumento de solución e non de problema para unha política intelixente de futuro.