O mito erótico danés

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

13 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Morreu Mandela, e moi ben o pasamos no enterro», debeu de dicirlle Felipe a Letizia cando chegou á casa. A cea na Moncloa foi algo parecido. Con esa excitación propia dos acontecementos nos que atopamos unha chea de amigos que había tempo que non viamos, e coa lembranza de Casillas erguendo a Copa do Mundo no Soccer City, Rajoy aínda non acaba de crer que fose a un enterro para o que puxeron avións en lugar de autobuses. «Habías de ver ás dúas viúvas, todas dignas bicándose, Elvira, pero o mellor de todo foi o intérprete de signos falso. Moito perigo corremos todos os líderes mundiais e máis eu». Entretanto, a bordo do Air Force One, hai tormenta. Michelle le na súa Blackberry a edición dixital de La Voz e vai indignándose por momentos: «O que máis me amola, darling, é que digan que teño ciumes desa blancucha. Aínda hai moito mito erótico coas escandinavas...». Obama só ten tempo de asentir. «¡Que pareciades todos críos alí, partíndovos de risa e facendo fotiños co móbil! ¡Como non estades afeitos a que haxa primeiras ministras, e enriba guapas! ¡Todos aparvados con ela! ¡Nun funeral!». Obama vai retrucar, pero Michelle córtao. «As nenas pórtanse mellor ca ti nestas cousas». Pola súa banda, Helle Thoring, en Copenhague, cóntalle á súa nai mentres monta un moble de Ikea que está por borrarse do Twitter: «Mamá, ¿e se eu fora tío? ¿ti cres que habían pórse así? A xente non entende que os funerais son un aburrimento, sobre todo porque non sabiamos o do falso intérprete de signos...». E mentres, Sudáfrica e máis eu alucinamos.