«Latin, please»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

18 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Vilnius, capital de Lituania. Baixo o chumbo perpetuo do ceo báltico, o visitante tenta entender o que le. Lituano, polaco e ruso nada axudan. Por sorte, a Igrexa católica lituana conservou o latín e algo se comprende nos monumentos. O motivo da visita é o ICT 2013 Information Day da Comisión Europea. Os letreiros de benvida están en 24 idiomas, mais conferencias e encontros prodúcense nun inglés científico inzado de termos latinos e gregos. Na feira ármase xuntanza de negocios tecnolóxicos entre italianos, galegos e brasileiros. Comeza en inglés mais ao pouco chégase a outra convención: o profesor Moacyr Martucci, brasileiro de apelido italiano, impón a súa auctoritas nun prístino portugués de vogais abertas. O fluxo de ideas acelérase. É delicioso o fenómeno; e o resultado, ilusionante... Se os Gobernos da latinidade quixeren, entre nós imporíanse as nosas falas sobre o inglés. Mais teriamos que voltar ao latín. Somos a maioría de Europa: sumados, 200 millóns; e aínda se nos engaden outros case mil millóns de lusófonos, castelanófonos e francófonos por África e América. O castelán avanza, teimudo, nos EE.?UU. O inglés hoxe é unha commodity global, pero unha incomodidade para os que pensamos en latín corrupto. Por iso, señores ministros, «Latin, please; and don?t forget Greek».