Decepcionante, lamentable, inaceptable..., de todo escoitamos onte. A sentenza do Prestige é un asunto xurídico coas súas claves e posibilidades, pero admite outros puntos de vista. Desde agora mesmo xa empezan a competir por asentarse dúas memorias distintas do que pasou hai 11 anos: a dos mariñeiros que viven do mar e a dos irresponsables políticos que non-xestionaron o accidente. Os primeiros, decepcionados; os segundos, botando peito fóra para exonerarse manipulando unha sentenza que só di que non pode probar o seu delito. O accidente foi o último polo de agora dunha xeira de 50 anos de graves sinistros contaminantes de buques nas costas galegas e nas de todo o mundo. Temos con que comparar. Neste caso non hai responsables.
Dende o punto de vista ambiental é unha segunda catástrofe porque acepta a contaminación e convértea en inevitable. Para a navegación marítima é outra catástrofe a futuro porque confirma a posibilidade de que armadoras, clasificadoras e aseguradoras coloquen chatarra flotante como o Prestige destinada ao tráfico de mercadorías e persoas. No ciclo histórico dos accidentes deste tipo supón un retroceso respecto de procesos previos noutros tribunais galegos e internacionais. O conflito xurídico do Exxon Valdez afundido en Alaska (1989) durou 19 anos e o do Amoco Cádiz (Bretaña, 1978) non rematou ata 1993. A sentenza do Exxon (2008) limitou as indemnizacións por danos punitivos neste tipo de sinistros, despois de que a compañía pagara xa 3.500 millóns de dólares en indemnizacións vía procedementos xudiciais e arranxos extraxudiciais. Parece moito, pero ese mesmo ano obtivera uns beneficios de 40 miles de millóns de dólares. Los Angeles Times e outros xornais titularon entón que a sentenza defendía os intereses das grandes corporacións. A batalla xudicial previa no Tribunal Supremo estadounidense provocou unha fractura ideolóxica dos seus xuíces (5 a 3) a propósito do papel do poder lexislativo (Congreso) e o xudicial (T. S.) na determinación de danos. Unha disputa similar pero transnacional, entre tribunais norteamericanos e franceses, deuse no Amoco Cadiz.
O sistema xurídico forma parte do sistema político, condicionado pola ideoloxía e mediado por intereses económicos. A súa actuación pode ser ás veces ¡tantas veces na historia! máis allea ás demandas e necesidades sociais que ás determinacións e necesidades políticas. A vía penal elixida no caso do Prestige -compre analizar por que- xulgaba un capitán, un xefe de máquinas e un baixo cargo político pola súa actuación nunha catástrofe provocada por causas naturais pero amplificada pola xestión política da mesma. Nin os responsables políticos nin os económicos estaban alí, pero o sistema xudicial español poderá demostrar aínda -ou non- a súa capacidade de homologarse a si mesmo e a outros como o norteamericano e o francés para dar conta das responsabilidades das que aínda non deu conta neste caso.