¡Europa, Europa!

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

03 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Estes días de naufraxios e horror ás portas da Europa fan lembrar o grandioso filme ¡América, América!, de Elia Kazan, por varias razóns.

Primeira, que o impulso de emigrar a un mundo soñado pode ter diversos motivos, mesmo varios ao tempo. Por exemplo, a Arxentina encheuse de galegos que poderían ter boa vida aquí se non fose que o franquismo os castigaba ao desemprego pola súa ideoloxía. Tal é o caso dos evanxélicos fundadores das iglesias de gallegos en Buenos Aires.

Segunda, dentro de ¡América, América!, o porqué do suicidio do rapaz que lle dá o pasaporte ao protagonista. Tiña que pasar polo filtro da illa de Ellis. Alí os inspectores médicos marcaban con xiz os inmigrantes inaceptables por doenzas, e aquel infeliz estaba tísico: ía ser deportado.

Os eurodeputados galegos deberían recordar en Bruxelas o que eran o Campamento de Triscornia na Habana e o refinado Hotel de Inmigrantes de Buenos Aires. Ninguén ingresaba ao país de destino sen un posto de traballo ou sen que alguén o reclamase comprometéndose a mantelo.

¿Debe Europa hoxe admitir un aluvión constante de necesitados africanos? ¿Pode o Continente Colonizador dar mantenza á masa humana que o invade? ¿Cómprelle á UE montar unha grande rede de hoteis de inmigrantes? ¿Ou debe recolonizar -coas armas da educación e a moral- a África invivible? Como for, o escándalo (de ¡América, América! a ¡Europa, Europa!) debe terminar.