Ao parecer, en Galicia as noticias son sempre miseria, ou material ou espiritual (e ás veces mestura dunha e doutra): o Prestige, os emprendedores que rematan en moinantes e estafadores, o descarrilamento do AVE, os lumes nos montes... a lista non ten fin. E agora, entre tanta miseria, o alcalde de Baralla.
¿Pode imaxinarse maior miseria, despois da experiencia que padeceu Europa no século pasado, que haxa alguén que diga que os condenados a morte por Franco sería porque o merecían? Non só sería impensable nun país civilizado, senón un delito, como sabe calquera por moi pouca información de que dispoña. Nin sequera é imaxinable por desleixo. E menos aínda se non se é franquista, como agora di o tal alcalde por se alguén o cre.
Peor aínda é a saída do tal rexedor municipal: que pediu desculpas ao PP e que este as aceptou. As desculpas tería que pedilas a todas as xentes de ben, de Baralla ou de calquera parte, e non ao PP, que, consentindo ou comprendendo ou facéndose os tolos, vólvese cómplice do aldraxe a esas xentes de ben. O que pode ser produto da incultura dun cidadán é inadmisible no colectivo ao que el pertence. Isto si que é unha vergonza nacional.
A xente de ben non pode comprender que mereza acollida a exaltación do fascismo e non a exaltación de ETA, ou de Al Qaida, por exemplo, cando uns e outros coinciden no odio á democracia, na imposición autoritaria, na supresión do outro, na xustiza ao servizo do poder.
Este incidente é un entre tantos que ben demostran o moito que nos falta para ser un país civilizado. Polo que se ve, só chegamos a ser un país de trangallada e de miseria, que é o que ocorre cando tanto se teme á educación cívica dos cidadáns. A xente de Baralla é merecente de máis e mellor sorte.