N on entendo ese entusiasmo co que se pide a comparecencia do presidente Rajoy para explicar o asunto Bárcenas. ¿Que esperan que diga? O lóxico é que repita que é falso. Quizá poida adornalo con detalles como por exemplo explicar que o tesoureiro preparou unha contabilidade paralela na que mesturou apuntes reais, préstamos ou pagos a membros dos partido (que xa recoñeceron telos recibido) con apuntes falsos que lle permitirían ter un elemento de chantaxe se chegase a ocasión na que se descubrisen as contas en Suiza. E tamén podería dicir que, como non hai recibos dos supostos pagos, é a palabra dun tipo que está na cadea por evadir 48 millóns contra a palabra doutro que ten sona de honrado e que ata o momento ninguén puido demostrar que non o sexa. Iso é o esperable, ou sexa, nada novo. A única novidade sería o inevitable desgaste político e a imaxe que daría España ante o resto do mundo: toda a oposición tratando ao presidente como se fose culpable, porque diso se trata, de conseguir o que algúns xa piden claramente: dimisión e eleccións xerais. Xusto o que necesitamos nun momento no que, malia a estar mal, melloramos respecto ao ano pasado. Por iso non entendo o entusiasmo dalgúns. O que teña que pasar, que pase, pero non parece sensato nin precipitalo nin alegrarse de que suceda.