Mafalda

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

D i o famoso tango que cantaba Gardel que vinte anos non é nada. Nin cincuenta, nin sequera sumándolle un máis. E se non, que llo digan a Mafalda, e a Quino. Ese tango fala de Volver. «Volver con la frente marchita, las nieves del tiempo platearon mi sien».

O problema do mundo de Mafalda é que este non deu chegado a ningún lugar. Simplemente, quedou. Oxalá tiveramos tempo de ir moi lonxe, e despois volver. Pero non, semella que a intelixencia social se mantivo ancorada no tempo. Cincuenta e un anos, que se di axiña. O pasado día 15 estivo de aniversario. A pequena nena xa superou a metade do século. Debera ser preocupante que os seus famosos pensamentos, continúen vixentes. «¡Paren o mundo, que me quero baixar!». A cantidade de xente que non está pensando precisamente isto? que queren marchar de aquí, tal como van as cousas.

Ou cando o comercial lle pregunta, por iniciar conversa, se xa fixo os deberes, ao que ela retruca preguntando se el pagou os seus impostos? ¿Cantos non nos preguntamos se os que nos afogan con impostos e sacrificios cumpren os seus? Ou o ataque de risa ao buscar a definición de democracia no dicionario e atopou ?o goberno no que o pobo exerce a soberanía?. Porque xa non estamos para rir, que se non? estoupariamos. E todo isto, sae dunha cabeciña dunha cativa? Curioso. Paren o mundo. Volvamos cincuenta anos atrás, e deámonos tempo para razoar. Fai falla calma. E sentidiño. É preciso, e moi urxente, deter esta (de)cadencia.