Que se espallen polo mundo adiante modas, ideas, distintas concepcións das cousas, certas novidades... é o esperado e é o que ocorreu sempre. E sempre vai seguir ocorrendo. O que xa é máis preocupante é que tamén se espalle polo mundo a estupidez... ¡e con que facilidade, meu Deus!
É difícil, ao menos para min, dar cunha estupidez do tamaño das cabazas de Halloween, con algo tan baleiro, tan pouco estético e de tan cativa entidade, pero que se impuxo de maneira que hoxe é unha práctica máis do calendario escolar -e aínda do non escolar.
Pasei hai dúas semanas por eses pobos pequeniños, illados do mundo, como deixados da man de Deus e dos homes, da serra d?Arga, no noroeste de Portugal, e alí lucían da mesma maneira as cabazas antiestéticas que se podían ver en Vigo, ou en calquera outro pobo, demostrando que tamén a estupidez é global e que non hai quen a pare. O que non vin na serra foi a pais e avós absortos, alleos ao mundo, que aquí vin contemplando exposicións de cabazas decoradas polos seus fillos e netos.
¿Como é posible que semellante estupidez dea a volta ao mundo e se impoña a outras tradicións de máis contido cultural, de superior estética e de máis fondo contido humano? Paréceme que o baleiro cultural, a falta de estética e o escaso contido humano para moita xente poden convertese en valores. O mundo ao revés.
Lonxe de min a tentación de caer nunha boutade; pero un por forza ten que sospeitar, visto o anterior, se imos recuando e non indo cara a diante e se o sistema non estará facendo de nós o que quere: criaturas idiotizadas para mellor utilizarnos. A idiotez é doada de manexar; a intelixencia xa é outra cousa. Foi sempre sospeitosa para o poder. E polo que se ve, sigue séndoo.