A tarifa eléctrica de Alcoa

Fernando Branco Parga TRIBUNA

OPINIÓN

A lcoa, como todos os grandes consumidores de electricidade do Estado, tivo durante moitos anos unha tarifa preferente (a G-4), que lle daba estabilidade e seguridade regulatoria, chave nunha factoría na que os custos enerxéticos representan arredor do 40 % do seu produto.

Dentro do proceso de liberalización do sector -Lei 54/1997, aprobada polo Goberno Aznar- a tarifa G-4 suprimiuse en xullo do ano 2009; a partir desa data, Alcoa acolleuse, como gran consumidor, ao servizo de xestión da demanda de interrumpibilidade, é dicir, unha tarifa reducida a cambio de poder limitar o seu consumo por necesidades do sistema; porén, o Goberno Rajoy aprobou este ano o Decreto Lei 13/2012, polo que rebaixou nun 10 % a cantidade asignada a retribuír o servizo de interrumpibilidade.

Non foi esta a única medida lesiva do Goberno Rajoy, tamén aprobou no Decreto Lei 20/2012 a posibilidade de establecer suplementos territoriais naquelas comunidades con tributos propios á produción enerxética, caso de Galiza, onde temos a ecotaxa, o canon hidráulico e o canon eólico; con esta medida, aínda por aplicar, vai ser máis barata a electricidade en Madrid que en Galiza. Isto é, será máis económica a electricidade alí onde non se produce que alí onde se xera. A pagana disto será Galiza, un país excedentario en enerxía eléctrica.

Logo destas medidas negativas, dende as comarcas de A Mariña e A Coruña levábase tempo esperando unha solución para a tarifa eléctrica da empresa Alcoa, a maior consumidora de electricidade de Galiza; de feito a factoría da Coruña xa está nun ERE e á metade de produción. Mais a anunciada reforma enerxética do Goberno Rajoy, e á espera de coñecer o texto anunciado este venres, non deixa de ser unha reforma fiscal, polo que o Estado recadará máis, pero loxicamente as empresas do sector eléctrico trasladarán aos consumidores o incremento dos custos. Ao final o prezo da electricidade será máis caro.

É incomprensíbel que nun país como o noso -onde padecemos os custes sociais e ambientais da xeración e transformación de enerxía- teñamos que pagar máis polo consumo eléctrico e que padezamos a ameaza de deslocalización de empresas de gran consumo enerxético, como é no caso de Alcoa.

Galiza ten dereito a demandar unha tarifa propia de electricidade, máis baixa, pola súa achega ao sistema eléctrico estatal; cumpre lembrar que precisamente o Goberno Rajoy vén de aprobar a creación de suplementos territoriais diferenciados nas tarifas eléctricas, mais no sentido contrario, en beneficio de quen consume e non produce; e tamén que, por solidariedade interterritorial, o conxunto do sistema eléctrico (tamén os galegos e galegas) pagamos o sobrecuste de manter os sistemas extrapeninsulares que, neste ano 2012, está cuantificado nuns 1.800 millóns de euros.

Nós podemos, e debemos, ser solidarios, mais tamén temos que demandar o dereito a producir no noso país e a pór en valor, e a favor da economía produtiva, os nosos elementos diferenciais, como é neste caso a capacidade de xeración eléctrica.