O s informes PISA deixan moi mal aos nosos rapaces e agora un estudio da Fundación BBVA demostra que os nosos maiores, os que superan os 65 anos, ocupan o posto máis baixo da Unión Europea e de Estados Unidos en coñecementos científicos.
O dato escandaloso é que o 46 % dos participantes españois non foi quen de dicir o nome de tres científicos de calquera país ou época. A porcentaxe de Europa e dos Estados Unidos foi do 27 %, que tampouco é para botar foguetes.
Cúlpase á mala calidade do ensino, pero neste caso hai que matizar, porque precisamente os maiores de 65, que é a miña xeración, estudamos Ciencias Naturais, Física, Química... E daquela, eu gardo os nomes de Faraday (do que nunca máis me volvín ocupar, por certo), Darwin, Pasteur, Pierre e Marie Curie...
É moi raro que case a metade dos participantes non citasen sequera a Newton ou Einstein. Estou segura de que algún mestre lles falou máis dunha vez deles. O que pasa é que somos unha sociedade que vive aínda de costas á ciencia, lémbrense do «¡Que inventen ellos!» unamuniano.
O que aprendimos na escola esquecémolo, porque o entorno non o favorece.
Unha final de fútbol, un derbi, e durante días as televisións non falan doutra cousa. De cotío recibimos información sobre cantantes, deportistas, entrenadores, modelos... De Stephen Hawking fálase porque está eivado.
A culpa do suspenso no é só do ensino.