«O espião alemão em Goa»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

15 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A II Guerra Mundial trouxo unha infinita colección de mostras de miseria humana. O avogado José António Barreiros ofrece unha delas no relatorio O espião alemão em Goa. Barreiros desenterrou a mentira dun libro famoso, Boarding Party, de James Leasor, e dun filme no que se locen David Niven, Roger Moore e Gregory Peck, The Sea Wolves.

A partir do ataque a Pearl Harbour o Índico converteuse nun océano de morte. Tres mercantes alemáns e un italiano acóllense ás augas neutrais de Goa. Os servizos de información británicos sospeitan que o cónsul alemán na colonia portuguesa envía informes aos submarinos do Eixo desde un deses mercantes, ancorado á boca do porto. Daquela organízase un golpe de man: raptar o cónsul e secuestrar o barco onde se supón que está a emisora do espía.

A operación fracasa en parte. O cónsul e a muller son abducidos e fusilados na India, pero os mariños alemáns deféndese: incendian e afunden todos os barcos. Os italianos imítanos. E aí comeza un calvario para Oliveira Salazar: os tribunais de Goa teñen que xulgar as tripulacións estranxeiras por destrución de buques en augas portuguesas; mais razóns de Estado obrigan a apertar os xuíces: non deben admitir a verdade dos alemáns atacados. O mundo en guerra (e Xapón preto de Goa) non pode saber do acto de piratería británica...

Grande libro sintético, o de O espião, e moi recomendable en España hoxe, cando se invocan razóns de Estado para evitar testemuños que poidan debilitar un piar da Constitución.