Follas de bacallau

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

O GALEGO é un pobo épico que non fixo literatura porque domadores e castradores lle inculcaron autodesprezo á historia e á lingua propias. Pero os galegos conquistaron mundos extremos (velaí Toda a Terra é dos homes , do Menéndez) e seguen a conquistar un mundo líquido, bestial: o mar. De mares árticos fala Follas de bacallau do Xabier Paz, libro da epopea pescadora dos galeguiños axigantados fronte aos vagallóns ao que só lle sobran follas de papel (perdón pola crítica, ao editor que non llas recortou). Dá xenio ler literatura feita por xente de ciencias, neste caso un biólogo compañeiro do Xavier Queipo, médico e biólogo, autor de libros epopeicos e mariños. Alguén tiña que contar e eles contaron, como fixo o finado Xacobe Barros. Son narradores cheos de vivencias; e o que escriben dá para pasarmos do humano, duramente retratado por estes científicos, ao científico-técnico... Vense de abrir convocatoria de proxectos de investigación do Sétimo Programa Cadro da UE, nos que prima a cooperación internacional, intraeuropea, euroamericana e euroafricana. Galicia acumula sabedoría secular sobre as pescas neste intre de crise ecolóxico-enerxética; e, analizando o que narra Xabier Paz, logo se deduce unha restra de proxectos europeos (localización de cardumes, propulsión do buque, modificación de atmosferas, robótica de procesamento, domótica mariña, telecomunicacións...) que aliviarían os rigores de andar ao peixe. Hai moito bacallau que cortar nesta materia e cumpría cortalo.