A Irmandade do Libro

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

24 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

CHAMAN os libreiros polos amigos dos libros, e este ano reunímonos todos en Viveiro, á beira do mar dos ártabros, na Galicia cantábrica, esa terceira Bretaña da que tanto gosta falar Ramón Loureiro, e que abofé que existe: feita de soños e de palabras, de memoria, seres humanos e imaxinación: a Galicia de Pastor Díaz e de Álvaro Cunqueiro, a Galicia do vento bravo dos bretóns, que entran polo triángulo de Foz, Ribadeo e Viveiro e chegan ata a Terra Cha, asubiando entre os estilizados dedos dos abidueiros. Pois aquí estamos, diante do mar de Viveiro, para falarmos e compartir a Irmandade do Libro. Máis de 300 libreiros asociados. Libreiros galegos. E a carón deles, distribuidores, editores, autores, lectores, mediadores culturais, xornalistas, bibliotecarios, mestres, ilustradores, tradutores, deseñadores, impresores, encadernadores¿ O mundo do libro é rico e moito máis variado do que parece, aínda que esta noite os anfitrións e os protagonistas sexan eles: os libreiros. No ano 1976 creouse a Federación de Libreiros de Galicia nun intento por organizar sectorialmente o mundo da comercialización minorista do libro, que move na actualidade arredor de 70 millóns de euros (21 millóns de libro galego, aproximadamente) e que constitúe, na práctica, unha das redes de distribución cultural máis importantes do país, semellante á escola ou aos medios de comunicación, por poñer dous exemplos, aínda que a meirande parte da xente non o saiba ver así. O 50 por cento do libro comercialízase (chega aos lectores) a través deste tecido capilar e miúdo de distribución e promoción que son as librerías, nos últimos tempos certamente afectadas polas transformacións profundas que o mundo do libro e, en xeral, todos os produtos da cultura están a experimentar: novas tecnologías da xestión, novas canles e xeitos de comercialización, novos hábitos de consumo e utilización do tempo libre, competencia obxectiva cos outros medios, concentración de capital, problemas de espazo e de financiación, etc. De todo son conscientes. O esforzo asociativo sectorial intenta, de feito, abrir novos horizontes de modernización e crecemento, non sempre doados dende a perspectiva dunha propiedade quizais minifundista de máis, apoiada nas empresas familiares e, por tanto, mesmo con excepcións, con recursos limitados. Mais están aí. E hoxe celebran á súa festa da Irmandade. Benzóns. Fronte os agoreiros e os pesimistas de sempre, cinco afirmacións. Primeira: nunca se editou tanto nin se leu tanto coma nestes tempos (tamén en galego). Segunda: nunca existíu unha sociedade tan capacitada, culta e formada (tamén na súa lingua) como a que hoxe nos toca vivir (mesmo aceptando a existencia masiva doutros valores, instalados no consumo inmediato e na gratificación alieanadora). Terceira, nunca dispuxemos de tantas farramentas políticas e administrativas para actuar (outra cousa é que acertemos ou saibamos poñelas en funcionamento). Cuarta: nunca o libro galego foi tan competitivo, tanto en prezo como en calidade, aínda que sigamos a arrastrar complexos e teñamos que aturar prexuizos que o instalan ás veces na invisibilidade. Quinta: algúns incluso teñen talento.