Este non é un artigo optimista

OPINIÓN

DIN os consultores da cousa social, que periodicamente se encargan de medir e analizar os estados de opinión pública, que somos un país triste. Galicia, quero dicir. Non se trata de dar nomes. Pero nos últimos días chegaron ás miñas mans dous estudos realizados en vésperas das pasadas eleccións, deseñados e promovidos dende fóra do país, segundo os cales a sociedade galega no seu conxunto é a que máis elevados índices de pesimismo, resignación ou «aceptación do irremediable» presenta no conxunto das comunidades españolas (¿quen sabe se tamén europeas?), e na banda de idade comprendida entre os 25 e os 40 anos esta actitude vital está practicamente xeneralizada: respecto do traballo, respecto das expectativas de crecemento e realización persoal, respecto do futuro do país e respecto (tamén) do futuro da humanidade. Como para poñerse a botar foguetes. As últimas cifras do INE son outro dato a considerar. Dixémolo máis veces: o gran problema que ten formulado Galicia cara ao seu futuro é o problema demográfico, que non se pode considerar illadamente (moito menos coma unha anécdota) senón dentro dun conxunto de factores económicos, históricos, sociais, culturais e políticos (tamén políticos) que nos marcan e nos teñen parados. Sen crecemento demográfico, ¡xa non falemos de decrecemento!, sen masa crítica humana suficiente e suficientemente renovada (xente nova e ilusionada), ¿que podemos agradar do futuro? En 1986 eramos 2.785.394 galegos censados, e xa viñamos perdendo pulo dende os anos sesenta, con algún pequeno repunte polo medio. Neste último censo do INE somos 2.762.198. ¡As nosas taxas de natalidade son as máis baixas do mundo, só por debaixo de Asturias, curiosamente! Non me parece casual, senón sintomático, que outros medidores sociais de desenvolvemento (fracaso escolar, índices de implantación da sociedade da información, ocupación laboral, investimentos en I+D, participación no PIB, etcétera) tamén nos sitúen na zona máis baixa das comparacións. Somos un país triste, ou entristecido: historicamente triste, instalado nese pesimismo antigo que nos tolle, do que tantas veces temos falado e do que non se sae só con boas palabras, nin con entusiasmo (aínda que o entusiasmo sexa necesario), nin con boas intencións, nin con retórica, senón con medidas sociais de carácter estratéxico, a medio e a longo prazo. Tales medidas corresponden, sen dúbida, aos políticos, e demandan un plan de choque que non se albisca, francamente, e oxalá a nova Administración e o novo Goberno saiban deseñalo. Nos últimos quince anos, a propaganda oficial intentou explicarnos o ben que nos ían as cousas. Pero con trampas. Primeiro, establecendo comparacións con nós mesmos á hora de presentar os medidores sociais (non comparándonos coas comunidades veciñas, españolas e europeas); segundo, ignorando ou silenciando que eses crecementos aparentes son inducidos (as axudas da UE) ou ficticios, na medida en que tendemos a dividir a dispoñibilidade de recursos coa poboación á baixa, o que fai que toquemos a máis, pero non porque medremos, senón porque somos menos a repartir a torta (e cada vez máis vellos); terceiro, adiando actuacións de fondo (estruturais) para favorecer, pola contra, actuacións clientelares ou de consolación (subvencións indiscriminadas) que ameazan converternos en reserva de xubilados; cuarto, confiando no señor Santiago, para que nos saque do pozo. ¡Un plan de choque! ¿Estamos a tempo? Supoño que si, e precisaremos de axudas e solidariedades para poder logralo, ademais do noso propio esforzo e dun cambio radical de mentalidades. Sinto que o meu artigo de hoxe non me saíse optimista. Ben quixera.