ENTRE as oito fórmulas de Zapatero para pulir o texto do Estatuto catalán é posible que non estea a denominación de autonación que me prestou un profesor de Dereito amigo e que me parece un grande achádego. Fronte a outras tan alambicadas como comunidade nacional ou comunidade territorial esta de autonación ten muitas vantaxes. Suma os conceptos de autonomía e nación nunha boa síntese do que aparentemente ata os máis unitaristas españois xa admiten: as autonomías, e os nacionalistas sempre acreditaron: a nación. Tamén fai referencia ao carácter volitivo das nacións que o son cando os seus cidadáns así o deciden e non porque a Historia o determine. Pode parecer unha broma pero ten moito millor gosto que o esencialismo que se aprecia estes días nalgunhas declaracións que falan sobre a España eterna e indivisibel, dun xeito que xa só pode atoparse nos discursos de Carrero Blanco. Fronte a tanta anticuada ideoloxía de saldo, isto da autonación paréceme unha aposta innovadora. Como foi no seu día a de nacionalidade. Ao cabo, o problema non é o nome da cousa senón cómo está repartido o poder e cánto poder pode exercerse. E, sobre todo, cómo establecer un novo marco de financiamento no Estado das autonomías. O resto é quincalla para consumo apresurado de sectores prexubilados da opinión pública. Cando todo isto empezou o problema era, e segue sendo, o financiamento autonómico e a súa organización. Só que agora tende a estar moito máis esvaído neste debate nominalista sobre pobos, nacións e soberanías. Cataluña quere saber cánto aporta e cánto recibe e as demais autonomías tamén deberían querer sabelo. Cánto se debe a decisións políticas baseadas no concepto de nación indivisibel e cánto ás estructuras productivas, aos recursos naturais usados como materia prima e á capacidade emprendedora. Todo isto, por certo, máis mensurabel en termos históricos que a suposta eternidade das estructuras políticas. Aí reside o auténtico problema. O aspecto inmoral e pouco ético ao que se refiren algúns, as ameazas á creba da solidariedade das que falan outros. Cataluña quere saber cánto aporta porque ten conciencia de ser un motor económico non moi ben tratado polo Estado. Lembremos que no inicio estaba a reclamación do coñecemento das balanzas fiscais. Pensemos tamén que o sistema de cupo funciona no País Vasco e en Navarra. Nesta última e máis en Álava mesmo durante o franquismo. Na proposta de Estatuto catalán non se establece un sistema de cupo senón mecanismos para a negociación dunha nova fórmula de financiamento. Fronte a estas propostas que derivarían en futuras negociacións está a certeza dos que non queren modificar un statu quo que os favorece xenerosamente. A mesma que permite á presidenta de Madrid fachendear de que a súa comunidade é a locomotora económica de España. Afirmación que agocha e evidencia dunha acumulación de decisións políticas que centralizaron gran parte da actividade económica na capital do Estado, nunha lóxica incompatibel co actual Estado das autonomías.