Panorama enerxético

OPINIÓN

O PETRÓLEO é coma o marisco: nin desaparece nin deixa de medrar en prezo¿ Inverno de frío intenso, aumento da demanda enerxética nunha parte do mundo que non sabe renunciar á casa quente, ás viaxes doadas e aos automatismos que liberan de traballos... Oleiros. Castelo de Santa Cruz. A Unión Xeral de Traballadores convoca unha xuntanza de análise e reflexión sobre enerxías convencionais e alternativas. No comezo dela lémbrase a utópica autarquía baseada nos sistemas alternativos: mini e microhidráulico, eólico, solar -térmico e fotovoltaico- e da biomasa. Desmontouse a utopía e só fican os xeradores eólicos, cada día maiores e todos en mans de grandes empresas. E da biomasa, nada: os zurros seguen a infestar os acuíferos e o lume teima por destruír os montes. Continúa a sesión con cifras dos estudiosos, que comezan a caer coma grans de sarabia. A demanda non para de crecer e non se fai nada pola racionalización do gasto. O transporte non se deriva á propulsión eléctrica (trens e tranvías) nin prosperan os vehículos de motorización híbrida. O petróleo vai ter substitución parcial no gas pero a dependencia dos hidrocarburos non ha baixar dos tres cuartos, por moito que se aproveite o vento, e mesmo o sol. O panorama vaise facendo escuro co paso das décadas e, se formos conscientes, non vale encoller de ombros sabendo que os vivos hoxe non chegaremos a ver a fin. Un dos intervenientes avisa de guerras polos recursos enerxéticos. E revisa os que dispomos desde agora ata o final da nosa civilización: seica hai carbón para douscentos anos e uranio para cen; gas e petróleo para cincuenta¿ Cómpre recorrer ao sol, á descomposición da auga, ao hidróxeno para a propulsión. E non se debe rexeitar a enerxía atómica de fisión con técnicas seguras. Porque hoxe falar de fusión nuclear é quimérico. Con sorte, no panorama de Santa Cruz, ese sol artificial vese a unha distancia de sesenta anos (ou sexa, cando do petróleo só fiquen lembranzas).