DE ACORDO cos boletíns o edificio do Banco de España na praza das Praterías de Santiago podería ser entregado ao Concello neste ano. Algúns queren que o Banco de España fique na capital de Galiza. De acordo; mais non neste recinto da fe, do saber e da arte. Juan Manuel Corral Varela fixo un estudo publicado no fascículo 107, tomo XLII, nos Cuadernos de Estudios Gallegos del Instituto Padre Sarmiento, moi pormenorizado do acontecido con este edificio, consultando de forma exhaustiva canta documentación atopou. Non lle consta na documentación se o Banco de España tiña mercado as casas conocidas como de Espinosa xa antes da Guerra Civil. Eu teño escrito sobre esto pois na miña casa falou moito desta meu pai, e o Concello presidido por Anxel Casal non podía permitir semellante tropelía, nin o anterior Vázquez Enríquez, aunque conservador amante de Compostela, de aí que Banet, arquitecto municipal, xa o 28 de maio do ano 34 dirixiuse ao Banco ofrecéndolle outro solar na Senra onde arrancaría a rúa Galicia proposta de Palacios. Que as conocidas casas de Espinosa ficaban mercadas polo Banco antes da Guerra ten poucas dúbidas, non só porque eu tiña escoitado a palabra «permuta», senón polo mesmo feito de que o concello presidido por Don Juan Varela de Limia, caballero de Santiago, autorizase en outubro do 36 o derrubo destas casas, cousa que Banet tería que aceptar pra que non derrubasen a el. Neste intre o concelleiro do Banco era o vizconde de San Alberto, cuio palacio era o que hoxe se conoce polo palacio de Bendaña, e o proxecto, coa oposición da Academia de San Fernando, foi levado adiante incluso coa mofa do charlista do réxime García Sanchíz. No ano 40 o ministerio logra paralizar a obra e logo de cinco anos apareceron outros planos que corresponden ao que hoxe é o edificio, logo de derrubar o que xa estaba feito. Sotomayor que era o que máis presionaba dentro da Academia, era quen me informaba desta desfeita, dicíame polo ano 45 cos novos planos que non houbo máis remedio que transixir con este pastiche que melloraba un tanto o proxecto anterior, pero que seguían sendo averrantes, porque os banqueiros tiñan moita forza. Por moitas razóns hoxe compre facer desaparecer este mamotreto de escala desproporcionada ao seu entorno, disfrazado de barroco. Abondaría desmontar 15 ou 20 metros dende a fachada deica as rúas da Coenga e de Gelmírez. No resto que ficaría do edificio abondaría pra facer ese museo da Cidade. Incorporar eses 20 metros á praza das Praterías, sería un regalo que agradecería quen, en constante aumento, nos ven visitar. Deixar ese solar sen construír tería un significado honesto e intelixente que debería ficar nunha placa: «Neste solar asentábanse as casas que o povo conocía como as de Espinosa, unha das cuais pertencía a Domingo de Andrade, derrubadas no ano 36. Como desagravio o concello acordou... en data... deixar este solar sen construír». Así o Concello de Santiago pasaría á historia como a Comuna da Señoría de Florencia que deixou sen construír o solar que correspondeu aos inimigos que foron desaloxados na guerra dos 30 anos entre Capuletos e Montescos. Así a mutilación que se aprecia aumentou máis o valor deste monumento. Zanxábase así a segunda averración urbanística autorizada por un Concello de Santiago no século XX. A primeira foi a colocación no medio da Praza do Obradoiro do monumento a Montero Ríos, e que só os insultos de García Lorca e de Castelao lograron trasladala de lugar.