, a película de Amenábar, non pasa desapercibida. Está feita, ou aproveitada -non sei-, para promover un debate necesario sobre o dereito á morte digna. Para alén diso, o director quixo facer unha película galega e abofé que o conseguiu, e non só pola magnífica actuación de Celso Bugallo, Mabel Rivera e Tamar. Pode que pola vontade de realismo do filme, case hiperrealismo, pode que polo uso dos tres idiomas -castelán, galego e catalán-, pode que polo tratamento da paisaxe, mesmo pola música, pode que polo carácter hipergalaico do finado Ramón Sampedro que constitúe o eixo da narración. Non lembro se a película conta con axudas públicas ou privadas de capital galego, pero o director -do que son incondicional dende Tesis- demóstranos que non é necesario que o capital, o director ou guionista sexan do país para que unha obra sexa galega, mesmo mui galega. Tampouco ten nada de extraordinario recoñecer que son muitos os foráneos que entenden e se comprometen con Galiza millor que muitos galegos, do mesmo xeito que no último século tantos galeguistas se fixeron na emigración máis que na casa. O certo é que cando un sae da película non ten a impresión de ter visto unha ollada externa, unha interpretación aproximada de nós mesmos feita por ollos alleos. Recoñecemos o país real. Mesmo a España real, esa que queren mutilar os cañís como Ibarra. Cando nas primeiras secuencias os cataláns falan catalán, choca a normalidade dun tratamento que non é doado atopar no cine nin na política española. Cando os galegos falan galego ou co acento e a cadencia do país, aínda sendo actores madrileños ou de Girona, a película faise críbel para nós. A lóxica no emprego dos tres idiomas é case perfecta, mal que nos pese que os cataláns falen o seu idioma no xulgado e os galegos na corte e nas rifas familiares, expresando unha diglosia que non somos quen de arrombar. Os falares de Lola Dueñas e de Bardem son os nosos, por mor do seu bon facer e da sensibilidade de Amenábar. Como tantas veces, a imitación da vida na obra de arte supera á realidade. A historia real que lembramos adquire unha enorme forza na historia contada. A peripecia de Sampedro deuse no Barbanza e non no Ampurdán por algunha razón. Nunca ninguén antes, nin despois, empeñouse en España nunha batalla legal e pública por reivindicar o dereito a dispor da súa vida nos termos en que el o fixo. O sentido da liberdade deste mariñeiro ancorado no leito foi posible pola súa personalidade pero tamén porque contou cun medio familiar e social que o apoiou. O asesoramento da asociación DMD viñan de fóra pero o medio era este. Sampedro tiña un sentido da morte ben coñecido, mesmo estudiado, propio das culturas antigas nas que o mundo dos mortos ou dos emigrados ausentes compártese co dos vivos. Pouco que ver coa desnaturalización da morte nas sociedades urbanas e industrializadas. A súa retranca, o seu sentido do humor, a súa filosofía da vida e da morte, o seu sentido da liberdade individual son galegos e universais, antigos e de futuro. Amenábar goréntanos cunha película que é un mar de bágoas pero non é dramática senón vital, conmove pero non entristece.