Aznar e a Madre Teresa

OPINIÓN

NON ME atrevo a dicir se me parecen moito douscentos millóns por esa medalla que lle deron a Aznar en Estados Unidos e que tan indignado ten a todo o mundo. Nunca se sabe. Como din as amas de casa, «lo barato es caro y lo caro es barato», e hai tantas cousas que custan pouco e logo dan mal resultado que qué sei eu, se cadra Aznar leva razón e a condecoración vale o que pagamos por ela. Se a cobran así, algo debe ter esa medalla que non teñan, por exemplo, a Gran Cruz de San Hermenegildo ou as medallas Galicia, sen ir máis lonxe. De feito, segundo leo nas páxinas da Voz, esa mesma Medalla do Congreso déronlla tamén no seu día á Madre Teresa de Calcuta. E se a defunta Madre Teresa, co mal que debía de andar de cartos, apoquinou relixiosamente os douscentos quilos, ¿quen somos nós para criticar á Aznar? Se a beata albanesa, que imaxino que na India tiña gastos que atender máis urxentes que nós aquí, quitou eses diñeiros do cepillo da congregación das Irmás Misioneiras da Caridade (é un supoñer), ¿non vai logo Aznar usar o líquido dunha sociedade francamente máis opulenta, cal é o Estado Español? Como reza outro dito popular: «¿Será por cartos?». Claro que imaxino que á Madre Teresa non lle outorgarían a Medalla do Congreso polos mesmos motivos que a Aznar lle deron a súa. E existe, tamén, a sospeita fundada de que tampouco lle cobraron o que lle cobraron a Aznar. Cóntanme mesmo que parece ser que non lle pediron un pataco á monxa e que lla concederon unicamente en base aos seus propios méritos ¡Os seus propios méritos! Isto si que me parece o verdadeiramente escandaloso, porque o mérito personal nunca foi o criterio para a concesión desa medalla. Aznar tense que sentir discriminado e enganado, e con razón (e nós, xa non digamos). En definitiva, que eu só vexo aquí unha solución: Ou que nos devolvan os douscentos millóns da medalla de Aznar ou que lle cobren outros douscentos pola súa á Madre Teresa, é dicir: a eses hospitais que deixou por aí. Pero de devolver Aznar a medalla, como suxiren algúns, nada. Custou douscentos quilos, custou unha guerra. Custou de máis para desprendérmonos agora dela así como así. Todo o contrario: O que hai é que mirar todos os días para ela. Precisamente para non esquecerse do que custou.