GAÑOU NON DICIR nada. Iso é o que é a abstención. Tan só un de cada catro europeos que tiña dereito a voto se achegou ás furnas electorais e así transcorreu o domingo: nunha competición de indiferencia entre o Parlamento Europeo e o Corpus Christi na que o gañador foron as praias, as montañas e os atascos. Encabezando o coro dos políticos europeos que se laiaban da pouca participación escoitei a Javier Solana: «Quizais non soubemos explicar ben o que se xogaba Europa nesta eleccións», dicía onte. E ten razón Solana, quizais non souberon explicalo. Pero ¿houbesen votado máis caso de telo explicado mellor? Pode que non. Quizais pode que houbesen votado aínda menos. Porque o certo é que nestas eleccións Europa xogábase moi pouco. O Parlamento Europeo non é un verdadeiro órgano de poder. É a Comisión Europea a que goberna a Unión, unha Comisión que se elixe seguindo un sistema que nin é democrático nin moito menos aínda europeísta. Se existe ese «déficit democrático», como se chamaba antes a esta anomalía, non debería estrañar que exista tamén un déficit participativo. Certo, este é o Parlamento que, esperablemente, terá que sancionar a Constitución. Pero está claro que ista resultará do cabildeo dos gobernos, e non das maiorías que se formen no lexislativo europeo, que é un lexislativo que apenas lexisla. Non é que a cámara non traballe, o que pasa é que apenas é un puro órgano consultivo que elabora informes sobre case que todo pero que non decide sobre case nada. É un parlamento, por demais, no que hai tanto europeísmo como na Eurocopa: son países que compiten os uns cos outros para favorecer os seus intereses en Bruxelas , percibido como unha especie de poder estranxeiro que ocupa ilegalmente o noso territorio. Non, a min non me preocupa a abstención nestas eleccións europeas. O que me preocupa é que non me pareceron europeas nin tampouco que se elixa gran cousa. Só cando vexamos listas transnacionais encabezadas por candidatos estranxeiros poderemos empezar a crer que votamos un parlamento europeo, e non simplemente unha cota de poder nacional nun órgano escasamente operativo. Mentres non sexa así, o «maior exercicio democrático no mundo, despois das eleccións da India», como o chamou un político (e xa ten ironía), seguirá a ser o que é: unha custosa enquisa sobre política nacional. mmurado@yahoo.com