NO RECENTE libro de Xosé Luis Barreiro, entre a rea de reflexións acaídas, un tropeza cunha das sínteses do noso discurso político, aquelo que define como a deformación do esperpento. Discurso que abala entre seren un país paradigmático ou un país feble, «con tódalas súas esperanzas postas en seguir sendo obxectivo un da Unión Europea, que é tanto como seguir sendo pobre de solemnidade». O que se podía ter por un ben traído e retranqueiro debuxo do país ao que nos ten afeitos Barreiro, sorpréndenos un día nos titulares da prensa coa reivindicación, esperanzada, eso si, dalgún conselleiro por non deixaren de sermos rexión obxectivo un. A coincidencia que lles conto entre a realidade e o esperpento, que latexa nun certo pensamento colectivo ao redor da Europa, sitúanos diante dun dos problemas políticos peor resoltos na nosa sociedade: ¿Que facemos en Europa? Teño para min que, ben denantes da integración no 1986, sementouse na sociedade galega unha pouco reflexiva prevención fronte de calquera interacción con Europa. Sementeira termada na longa etapa autárquica e proteccionista da nosa economía, configuradora do pensamento de sectores económicos instalados. No acendrado patriotismo e o receo verbo do alleo da etapa franquista, de incidencia sobranceira no pensamento das forzas políticas conservadoras. E na política de blocos, antes do derrube do muro de Berlín, xeradora dun mal explicado discurso arredista verbo de Europa, dunha parte do nacionalismo político, no que salienta como excepción Esquerda Galega. Sementeira de colleita vizosa que, mesmo logo deste longo evoluír de tódolos pensamentos e posicións nestes anos de pertenceren á Europa, eiva a erradicación dese pouso de incertidume que existe entre nós e a Europa. Contentos dun euroescepticismo que se extende por toda a sociedade, e que permite unha vez máis fachendear verbo do noso, afirmar que os nosos males veñen de fóra, e propoñermos remedios que non son tales. Esquecendo o tres por cento da riqueza galega que aportan os fondos europeos e, peor, sen preguntarmos para qué. Agora Galicia, nunha nova etapa da construcción europea e do mundo. Nós, cidadáns, enfrentados á nosa capacidade de decidir a política. Por ver se alcanzamos a saber aquelo que queremos e podemos facer en Europa.