O galego ao lixo

OPINIÓN

20 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SALAMANCA, burgo universitario de limpa pedra. En terra de charros o castelán do pobo ten vigor, marca norma de Real Academia, pero no discurso académico aflora o castrapo angloespañol. Perdóanse traizóns de léxico mais a alarma soa con frases como «el servidor de red no debe ser accesado...». Múdanse as regras da sintaxe nebrijana e a crítica escóitase nos corredores: -Estos bárbaros de los informáticos nos desmontan el español. Es como si en la Renfe pusieran «El andén no debe ser accesado»... Evidente, comentan os congresistas de volta a Galicia pola Ruta da Prata. En inglés vale facer transitivos verbos que non o son para as linguas latinas. Vendo cegoñas nos seus niños sobre torres de tendido eléctrico, a rexouba logo se dirixe dos idiomas contaminados ao medio ambiente estragado. No resto da viaxe vira para a política, volve á telemática de orixe, retorna ao asoballante inglés... Así ata Lugo, onde os comentarios a cerca do medio ambiente se impoñen nunha parada con café. -¡Que bestas os da Xunta! -exclama un viaxeiro airado-. Mirade como botan o galego ao lixo. Realmente, o anuncio da Consellería de Medio Ambiente ofende a quen coñece as regras do idioma: converte en pronominal un verbo que nunca o foi para os habitantes de aquén da Pedrafita. «Co vidro, non te comas o tarro». Certo que o pronome contamina toda a frase, pero nese anuncio de campaña ecolóxica hai algo máis: «No te comas el tarro» é un dito madrileñata, e vén demostrar non só que a Xunta non é capaz de coordinar accións (que Barreiro e Currás non se falan nos consellos) senón que nin sequera sabe a quen lle encargar un choio. -«Co vidro, moito ollo» sería unha frase perfecta -teoriza outro viaxeiro-. Suxire algo de «Un ollo de vidro». -Pero iso só valería se os rapaces estudiasen galego nos colexios -retruca, amargamente, o primeiro-. E se os das axencias de publicidade soubesen quen foi Castelao. Ou sexa, se houbese política lingüística: se houbese país...