ATURDIDO pola descarnada inhumanidade do atentado de Madrid, aínda que esperanzado co cambio de goberno, estes días formo parte dun grupo de escritores/as e pintores/as que estamos a facer o Camiño de Santiago; connosco levamos viva na memoria a morte de Luísa Villalta, que tería que estar acompañándonos neste percorrido solidario. Convertémonos en peregrinos a iniciativa dunha ONG, Acción contra a Fame, que nos brindou a oportunidade de sumarnos simbolicamente a un proxecto de solidariedade con esa parte inmensa do planeta que sofre nas súas carnes a máis terrible indignidade: a fame e a desnutrición. A nosa chegada a Compostela producirase o luns 22, Día Mundial da Auga. E non é unha coincidencia: o traballo de Acción contra a Fame céntrase moi especialmente en proxectos de solidariedade que teñen que ver co abastecemento hidráulico, é dicir, coa vontade de proveer de auga aos que non a teñen. Hoxe, 2.000 millóns de persoas carecen de saneamento e de auga potable, e 1.500 millóns de persoas non teñen acceso á auga; 700 millóns precísana para a agricultura. Segundo a Unesco, dous millóns de nenos morren anualmente por falta de auga potable. As previsións indican que, en breve, máis da metade da poboación do planeta vai sufrir a escaseza de auga. Aínda que a cantidade existente de auga é a mesma de sempre, hai moita menos auga por persoa, a consecuencia do aumento da poboación e da contaminación. Non é casualidade que moitos analistas prevean que a auga vai ser unha das maiores fontes de conflicto no futuro do planeta. Sen dúbida, a auga é o petróleo do futuro. A memoria dalgunhas das miñas viaxes está ligada a auga: dramaticamente, na desértica hamada de Tinduf, no corazón do Sáhara, onde sobreviven os refuxiados saharauís; terriblemente naqueles nenos que en Cabo Verde percorren quilómetros na procura dun caldeiro de auga, actividade diaria que lles impide a escolarización; fatalmente nos campesiños da illa Zapatera, en Nicaragua, que tralo furacán Mitch bebían a auga do lago Cocibolca, contaminada coa crecida dos ríos. A iniciativa de Acción contra a Fame, unha ONG fundada en 1979 que traballa en medio cento de países, é unha chamada ás nosas conciencias occidentais. Os cidadáns dos países ricos, os maiores consumidores de auga, debemos aprender a compartir o noso benestar. O planeta é patrimonio de toda a humanidade.