Bush pacifista

OPINIÓN

NON SEMPRE é Aznar quen imita a Bush. Algunhas veces Bush imita a Aznar. Un exemplo: Bush acaba de conceder unha entrevista na televisión. Está claro de onde quitou a idea: da que Aznar lle concedeu a Urdaci e que, como lembrarán, se saldou cun acordo total entre entrevistador e entrevistado. Nunha simbiose igual de perfecta debía estar pensando o presidente norteamericano cando entrou nos estudios da NBC, pero non. Aquí, o entrevistador púxoo nalgún apuro, principalmente ó preguntarlle polas guerras: a de Vietnam, a de Iraq. Como se sabe, Bush foi o impulsor da segunda, unha guerra que Estados Unidos gañou por non comparecencia do rival. Na de Vietnam, en cambio, quen non compareceu foi Bush, que din que deixou o seu posto na Garda Nacional para ocuparse das súas cousas. E isto foi o que lle recriminou o entrevistador. Así de arbitrarias son as críticas que padecen os grandes homes: que se en Iraq se pasou, que se en Vietnam se quedou curto... E o máis curioso de todo é que é o de Vietnam, e non o de Iraq, o que se considera máis grave, sobre todo porque o rival de Bush nas próximas eleccións, o senador Kerry, si que foi a Vietnam persoalmente e ten medallas para demostralo. Francamente, eu aquí estou con Bush. Obxectivamente, foi el, e non Kerry, quen obrou con sabedoría, e se os demais soldados houbesen seguido o seu exemplo (iso que o presidente gusta chamar leadership , liderazgo), o resultado sería o mesmo, coa diferencia importante de que ninguén tería morto (Se cadra, só Kerry). Vietnam tería sido igual un país comunista e acabaría converténdose no que é agora: unha especie de aliado americano. As películas de Rambo terían sido comedias de enredo ou tratarían problemas sociais pero, a cambio, o síndrome de Vietman sería só unha forma periodística de chamarlle á gripe do polo . De feito, e xa postos, o que é unha boa mágoa é que a Bush non se lle ocorrese practicar aquel absentismo da súa mocidade tamén na guerra de Iraq. Non creo que a suma das inxustizas do mundo variase gran cousa sen Sadam, e polo menos habíamos saír gañando en que nunca tería aparecido aquela foto da nena de Basora á que lle rebentaron os pés. ¿Lémbranse dela? Penso que agora sería un bo momento para publicala outra vez. Só para ver se xa lle creceron, agora que parece ser que a guerra foi, non inxusta, pero imos deixalo en que si un pouquiño esaxerada. mmurado@yahoo.com