Horror incrible

OPINIÓN

NAS IMAXES televisivas da morte en Iraq dos sete espías españois veuse a un grupo de xente saltando sobre bultos tirados no chan, e a un deles cun pe posto sobre un dos bultos, movendo os brazos en alto. A imaxe recordoume a dun cazador cando se fotografía co pé sobre a peza cobrada, e tamén ós que celebran un gol do seu equipo erguendo os brazos en sinal de triunfo. Eu pensei que se trataba de rapaces iraquíes que chamaban a atención das forzas de socorro para sinalar o lugar da traxedia, e que os seus xestos se debían á satisfacción de verse como protagonista na televisión. E non pensei que os bultos que pisaban puidesen ser os corpos das víctimas. Este mesmo erro de interpretación cometímolo moitos espectadores, e penso que non se debe só o horror dos feitos senón á falta de coñecemento das circunstancias nas que se produciron. Agora informan os periodistas de que esas manifestacións de xúbilo ante os atentados son habituais. A poboación civil baila e canta ó redor dos mortos , patéaos e arríncalles a roupa ensanguentada para facer dela bandeira de triunfo. O incrible dese horror é que se faga a cara descuberta, que na televisión e nas fotos saia xente celebrando os atentados sen ningunha precaución contra posibles represalias ou castigos. Eso só pode significar que o suposto control da situación polas tropas estadounidenses e europeas non existe. ¿Cando se viron fotos de simpatizantes de ETA ou do IRA celebrando os atentados? O que fai incribles aquelas imaxes é a absoluta impunidade coa que eses feitos delictivos se realizan. O que deixan claro é a debilidade e o descontrol das forzas que, mal que ben, supoñiamos que eran aceptadas pola poboación civil. En Iraq caeron xa máis soldados americanos que nos tres primeiros anos da guerra de Vietnam. E hai que añadir as víctimas dos aliados. O que empezou como terrorismo vaise convertendo en resistencia ás forzas de ocupación. O horror, desgraciadamente, vaise facendo cada vez máis comprensible.