A EFECTOS sociais as cousas non son como son, senón como se perciben. Ben que o saben as oficinas de propaganda (de todo tipo). O caso é que o 55,9% dos galegos, segundo a enquisa realizada por Sondaxe para este xornal, considera que Galicia, 365 días despois da catástrofe do Prestige , non está máis preparada que antes para lle facer fronte a unha situación como a que sufrimos naqueles días terribles, entre o 13 e o 19 de novembro, data da ruptura e afundimento do barco fronte a Fisterra. E o 56,7% entende que a seguridade marítima nas nosas costas, sometidas a un trafego constante de mercadorías de alto risco, tampouco está mellor, malia os proxectos e promesas que arreo se nos anuncian, pero que non se concretan: porque os potentes remolcadores seguen pendentes, a concreción dun corredor suficientemente arredado da costa esixe investimentos e disposicións que aínda non se realizaron, o manual de actuacións para casos deste tipo (protocolos) con dotación de recursos técnicos e humanos axeitados (persoal especializado e en condicións de poder actuar en tempos razonables) tampouco existe (ou non se coñece), a esixencia do dobre casco bate cos intereses das grandes compañías, a posición da UE, a pesar dos esforzos das administracións española e galega, non está clara, os pleitos entre as partes anúncianse á galega (varias xeracións) e medidas coma a prohibición de que naveguen ou entren buques de certa idade nos nosos portos non se cumplen. Falo de actuacións cara a seguridade e a prevención, non da recuperación das praias, nin de compensación de danos, nin de riscos (e alarmas) nos mercados, nin do futuro das especies, nin do rescate do hidrocarburo afundido, nin das necesarias políticas de investigación e información (contrastada, fiable), nin de infraestructuras, nin de vellas promesas resucitadas... Falo do que realmente debe preocuparnos a curto prazo: a disposicion de medios e medidas axeitadas para que, se se presenta mañá unha situación similar (algo bastante previsible), poidamos reaccionar en mellores condicións e non repetir o espectáculo. Esta é a pregunta e a preocupación primeira, á que non se dá resposta (aínda) dende a Administración. O anuncio, no pasado Consello da Xunta, dun plano contra a contaminación de verquidos marítimos un ano despois do suceso, por moito que aceptemos o necesario estudio previo e de maduración, non nos satisface. E a sociedade galega así o percibe, segundo demostra o estudio de Sondaxe. Ollemos cara adiante. É o que piden as circunstancias. A plataforma Nunca Máis ten defectos, comete erros, ¿quen non?, pero a ela, á mobilización social que pulou e segue activando, corresponde un mérito dificilmente discutible. ¿Reaccionaría igual o Poder sen esa consciencia crítica, colectiva, mobilizada? Nunca os titulares dos xornais estiveron tan cheos de verbos redactados en tempo de futuro (e de promesa) coma nestes pasados doce meses: crearán, financiarán, pagarán, axudarán, organizarán... Co Plan Galicia enriba da mesa, que a sociedade percibe tamén como insuficiente, en parte porque está cheo de promesas que viñan de atrás (as infraestructuras todas, por exemplo), mil veces adiadas, a nosa obriga como cidadáns é esixir que se cumpla, información de cada un dos pasos que se dean (non propaganda), vixilancia crítica, concreción de calendarios (non horizontes indefinidos). É cuestión de xustiza e de dignidade. Por iso estaremos o domingo no Obradoiro de Santiago. Baixo a choiva e co paraugas, coma é do caso.