As artes e o comercio

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

19 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MÁIS DE cincocentas almas chegaron ás costas da España, nun só día a semán pasada, procedentes de África. A cousa non é pra dormir tranquilo, aínda que os cabezas cuadradas que todo o confían ao invento das leises, e non á realidade da terra, coidan que con leises e con armas o van resolver todo. Estas xentes que veñen nas pateras saben que se xogan a vida, e no millor dos casos perderán todo o que tiñan e as promesas que terán feito pra pagar a quen os transporta, á península, porque o viaxe de regreso aos seus países de orixe irán por conta das autoridades españolas. Non será ésta a primeira vez que os árabes tenten invadir España, pois na alta idade media xa o consegueron e a traveso da península chegaron ao corazón de Francia. Verdadeiramente España é como unha continuación de África ou ésta como unha continuación da Europa. Pode que noutro tempo o Marruecos e Andalucía estivesen unidos e o Mediterráneo fose un mar interior, mais a historia xeolóxica os separou e deixou pasar o oceano por ese estreito de Gibraltar. Neste novo século das luces , no que estamos coas profundas ciencias e as grandes técnicas, case fan o mundo pequeno, e os seres humanos desplázanse en grandes cantidades e a gran velocidade dun punto ao outro do planeta ou dando voltas arredor del. Cando esto acontece nas luces destes tempos, os povos de África seguen acercándose a Europa posiblemente a pé e logo cruzando o mar en pequenos barquiños, moitos dos cuais só transportan a posibles afogados. Mais elo non é impedimento pra que logo outros, e outros, e outros..., segan tentando asentarse na Europa. Incruso o fan ao través das illas Canarias equivocando o camiño. Este xogarse a vida non é unha actitude allea á de eses que se autoinmolan pra atacar aos que, na súa consciencia inconscente, os fan responsables da súa miseria. O mundo capitalista estase portando hoxe cos povos de África e do Oriente Medio pior que cando os tiña suxetos a un réxime colonial, aínda que éste non foi certamente un exemplo de convivencia humana, pero tiña algo de educar e convivir cos nativos. Dalgunha maneira eses povos, aínda que son conscentes de que lles roubaban os seus recursos, non se sinten totalmente indiferentes dos que foron os seus colonizadores, e con frecuencia volven os seus ollos cara a eles. Agora eses povos foron abandoados á súa sorte e os países capitalistas non pensaron máis que en roubarlles as súas riquezas ou trapichear con intermediarios inmorales; e polo demáis lles diron liberdade, como se lles houbesen dado algo. O mundo capitalista sabe ben que a liberdade só a eles lles beneficia; naturalmente a liberdade do comercio, na que sempre ganan os que teñen máis poder. Por eso inventaron o neoliberalismo. E cando falo de capitalismo refírome ao acumulativo, pois do capital a secas non teño ren que dizer. Tampouco falo dunha igualdade, porque é unha utopía. Falo de causas xustas pra o futuro, polo que vai pasar a nosa humanidade. A razón de que das grandes e pequenas empresas que levou o home adiante como negocio non fique de elas absolutamente ren, é porque os seus facedores non creeron nas artes e na moral, en xeral, craro, pois hai quen vai a Deus rogando e co mazo dando .