Do estrume ao lume

La Voz

OPINIÓN

CADERNO DA VIDA XAVIER ALCALÁ

10 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA CALOR groseira esmaga os verdes desde Burela a Coimbra. A Gallaecia completa, lucense e bracarense, sofre un agosto infernal. Pero seica hai diferencias, porque ao norte do Miño non se rexistran moitos incendios mentres ao sur o Estado declarou a calamidade por lume. Ao norte, case tocando o Cantábrico, fálase do asunto. Na Ferreira do Valadouro (que non Valle de Oro ) unhas damas piden que continúe o milagre dos ceos sen fume, e os señores que as acompañan aseguran que non hai lume pola mesma razón que vai tanta calor: milagrosamente o nordés non sopra e os incendiarios non vén logo rendemento ao seu choio vil. Ollando a fortaleza de Pardo de Cela, que lembra a submisión da Galicia e as súas eivas, no Valadouro resúmense as causas principais dos incendios: a despoboación e a mudanza do trato ás vacas domésticas. E para resumir úsanse palabras como limpar, mato, estrume e cortes ... En Portugal arde «a maior mancha de pinheiros bravos da Europa», revoan hidroavións e helicópteros e cheira confusivamente a churrasco: un policía informa de que ardeu unha granxa de porcos. Un xefe de bombeiros, resuado, pintado de fume e cinza, explica para os xornalistas que «nas aldeias a gente já não limpa o mato porque não precisa fazer estrume nas cortes das vacas». Os viaxeiros galegos que asisten á explicación lembran o falado na Ferreira, case cincocentos quilómetros ao norte. Un deles recorda que «todo o idioma galego está contido no português», frase de Ernesto Guerra da Cal. Outro di que a relación entre os habitantes da Galicia oficial nos mapas españois e os da Galiza inexistente nos mapas portugueses vai alén da lingua que agoniza ao norte. No fondo, son a mesma xente: comen grelos. E, mentres o comentan, un veciño do concelho que arde enteiro propón prohibir os foguetes en tempo de verán para reducir os riscos de lume: exactamente o mesmo que propoñen algúns veciños chamuscados dos concellos galegos do norte.