Maxistral ignorancia

OPINIÓN

29 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O ENTERRO de don Gonzalo Torrente Ballester converteuse en mostra de medios de telecomunicación modernos. Un xornalista contaba ao micro o que a cámara captaba para envialo vía satélite á súa cadea de televisión. «Entre los asistentes -dicía- destaca la figura del premio Nobel José Saramago». Os de Ferrol protestaron, porque se estaba dando terra a un ferrolán único (¿que importaba logo o portugués alí?) e o xornalista asordinou, calou case... O mundo anda tolo. No medio da tolería a xente fai caso a quen ten sona, sen avaliarlle o discurso. De feito, mestre Saramago leva fama dabondo como para dicir parvadas e que llas impriman: La Nación de Buenos Aires reproduce en versión dixital declaracións solemnes de «don José» (como seica gusta de ser chamado, á española) a Il Messagero . Di el que «o correo electrónico non pode ir acompañado de emocións» e que «os homes han acabar un día pechados nun cuarto cunha pantalla, a comunicárense co mundo pero sos».Fica logo claro que o mestre xa non é deste mundo. Non sabe que a baratura da comunicación pola interrede global disparou o exercicio epistolar, que se volveu á carta, agora sen sobre nin selo. Nunca tanta misiva de amor e amizade se escribira nos últimos tempos. Gracias ao correo electrónico supéranse as censuras e sábese con dor de carne queimada o que acontece, segundo a segundo, en Bagdad.Pobre Saramago. Pensar que a xente vai ficar soa diante da pantalla do ordenador supón ignorar a fervenza de solidariedade global que se verte na arañeira electrónica a cotío (velaí o Prestige ou da guerra do Elefante contra o Alacrán, tristes exemplos). O Cárcere Azul encolleu, as súas celas comunícanse (perigosamente para déspotas e tiranos).Hai persoas que van avellando mentres acompañan a vida nova, e outras que se pechan no seu decaer. O escritor portugués que non entende o galego vai polo segundo camiño: seica confunde o telegrama descarnado coa carta ampla transmitida por datagramas.