CANDO os EE. UU. comenzan unha guerra que causará millares de mortes de persoas inocentes, entre as que se encontrarán principalmente nenos e nenas iraquianos, Aznar está a dicir cunha irresponsable e ridícula ufanía que non se pode ser neutral, que hai que escoller entre Bush e Sadam Huseín, pretendendo na súa paranoia ficar na historia como protagonista azoriano do Yalta do século XXI. Non comprende que o futuro non se escreberá a partir desa escolla maniquea e que se pode estar asistindo ao declive dos EE. UU. como o imperio deste tempo. Malgastaron a marea de simpatía e compasión que lles chegou tralos atentados terroristas do 11 de setembro; apoian a un presidente que declarando a guerra a Irak cre actuar en nome de Deus; puxeron en causa á ONU cando no Consello de Seguranza se estaba a producir un dos debates máis transcendentes da súa historia e se procuraba o desarme por meios pacíficos. Despois de deixar abandonada grande parte de Afganistán nas mans dos señores da guerra e dos talibáns, apontan a Irak como obxectivo militar sen poder explicar por que o fan cando no mundo existen outros tiranos, que son ou foron tamén amigos dos EE.?UU., e existen países que, como Pakistán, teñen armas nucleares e contan no seu interior con grupos fundamentalistas, como Israel, que amáis de ter esas armas incumpre sistematicamente as resolucións da ONU, mantendo aterrorizado como unha colonia ao pobo palestino, ou como Marrocos, que desafía á ONU no Sahara. Ocupando, xunto a Bush e Blair, o sitio que deixaron valdeiro os que non aceptan o dominio dunha potencia militarista, o actual primeiro ministro español está apoiando a pretensión imposible de que a ONU, a orde legal procedente da Segunda Guerra Mundial, sexa substituída por outra sometida aos designios norteamericanos.Faino amáis en contra dos intereses e da relación histórica do Estado español en Latinoamérica, comprometendo as relacións co mundo árabe e enfrontándose á maioría dos Estados e da opinión pública mundial. De forma particularmente grave, na súa paranoia resentida, Aznar está a praticar unha deslealdade culpable cos compromisos do Consello Europeu do 17 de febreiro, no que el mesmo participou, que rexeitaba toda acción unilateral en Irak e reclamaba o cumprimento da legalidade da ONU. Dándolle de maneira incomprensible preferencia a unhas relacións trasatlánticas subordinadas, como se o Estado español fose outro Porto Rico, Aznar actúa expresamente contra o proxecto dunha Unión Europea política construída sobre o fundamento do rechazo da guerra como instrumento de dominio. Non fai isto para favorecer a loita contra o terrorismo de ETA, cando é Francia o Estado decisivo, nin para mellorar a situación social e económica española, cando se enfronta ás posicións contra a guerra de Alemaña e, moito menos, o vai lograr sendo amigo do neoliberal Blair, que en plena disputa sobre a guerra propuxo a traizón a supresión dos Fondos Estructurais e de Cohesión.Isolado, Aznar non está xa en situación de comprender que desde o Estado español as relacións trasatlánticas pasan pola UE ou de que a capacidade política, económica e cultural dos EE.?UU. non pode manifestarse en contra de Europa nin dos seus principais Estados. Para os EE.?UU. a continuación da sua política contraria a estructuración da Unión Europea como un interlocutor igual sería suicida. A sociedade norteamericana non soportaría o trauma da separación a respeito dos seus amigos históricos. Posiblemente isto non sexa comprendido tampouco por Bush e o seu Goberno. Pero aquela sociedade ten outras virtudes democráticas que acabarán pasando a primeiro plano. Entretanto, despois do espectáculo obsceno dos Azores e pasada a terrible desgracia de Irak, Aznar e o seu obsesivo maniqueísmo xa nos lles será necesario. Outros moi diferentes estarán ocupados aquí das tarefas do noso tempo.