UNHA NENA de só nove anos está embarazada despois de ser violada en Costa Rica e no seu país de orixe, Nicaragua, está aberto un debate sobre cál debe ser o futuro da menor: a continuación do embarazo ou a práctica do aborto. Cando se entra no debate sobre o dereito ó aborto, as dúas posturas encontradas tenden a posicionarse moral e ideolóxicamente, correndo o risco de esquence-la situación na que se atopa unha familia angustida e unha nena que nin siquera é consciente do seu estado debido á súa curta idade. ¿Sería suficiente con apelar a unha resolución legal según o establecido no Código Penal para o caso de aborto terapéutico? Penso que a análise o caso debería ir máis alá e primar, por enriba de toda consideración, o interese da menor. A aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno e a adopción por parte da Asamblea das Nacións Unidas da Convención dos Dereitos do Neno, supuxeron a consideración do neno como un suxeito específico de protección fronte ás posicións anteriores que tendían a tratalo como un «adulto en miniatura». O obxectivo é acadar a igualdade de oportunidades, co obxecto de ofrecer un futuro o máis aberto e o menos condicionado posible. Neste caso concreto da nena nicaragüense, e unha vez que non se poido evita-la traxedia, os esforzos deberían encamiñarse a minimiza-las consecuencias negativas, a intentar paliar as secuelas na víctima e a propiciar que, no futuro, esta rapaza goce das máximas oportunidades posibles. Desde este punto de vista, e primando sempre o interese da menor, a interrupción deste embarazo e o apoio psicolóxico á víctima e á súa familia por parte das entidades e organismos competentes se vislumbran como a solución máis terapéutica das posibles.