POR SE non estaba todo o mundo pringado dabondo co chapapote do Prestige , agora príngase o que se supón que é o máis importante centro de investigacións do país: o CSIC, ou sexa, como o seu nome indica, o Consello Superior de Investigacións Científicas, que a xulgar polo seu informe toxicolóxico sobre a catástrofe, nin é tan superior, nin sequera responde ás mínimas esixencias dunha investigación científica. O informe que emitiu sobre os vertidos do Prestige coincide sospeitosamente en forma e fondo co que un mes antes dera á luz o centro francés CEDRE, do que vén ser coma un resumo. Alega o portavoz do CSIC que nin é copia nin resumo, pese ás coincidencias. É posible, pero o que non pode facer ningún investigador serio é ignorar o que outros fixeron no mesmo campo. É dicir: que se coinciden nos resultados da investigación, tiñan que facelo notar e citar o informe que era anterior ó deles. Por outra parte, se, como alegan, se trata «dun informe (...) realizado co recopilado e recollido doutras experiencias similares de vertidos no mundo», é aínda máis inconcebible que non citen o precedente inmediato que se fixo sobre os mesmos vertidos que supostamente eles están investigando. A actitude do CSIC recorda á deses doutorandos que, coincidindo na súa tese de doutoramento con traballos anteriores sobre o mesmo tema, deciden non citalos para intentar disimular o feito de que non foron capaces de chegar a diferentes ou mellores conclusións. Actitude sempre condenable, pero que ten certa disculpa en quen empeza un traballo e despois de moito tempo investigando atópase con que outro se lle adiantou. Pero imperdonable en xente que se supón que representan a flor e nata da investigación española. Xa era dabondo triste a imaxe tercermundista de incompetencia e desleixo que as autoridades do país deron ante Europa e o mundo civilizado. Agora complétase coa falta de rigor do organismo que representa á investigación española. Que plaxien as locutoras de televisión, pase, ¡pero os do CSIC¡ ¡Que vergonza!