O CONSELLO Europeu de Copenhague, coa presenza de Aznar e posiblemente co seu voto, desprezou as consecuencias que para Galiza ten o acidente do Prestige , sen tomar tanto as medidas necesarias e urxentes para remediar os efeitos da catástrofe como para impedir que se repita no futuro. Nin decidiu a elevación do fundo europeu de compensación por vertidos de hidrocarburos até os 1.000 millóns de euros para achegarse a un nível de garantía por responsabilidade civil como o exixido polos EE.?UU. ás compañías petrolíferas, nin contemplou a posibilidade de impór aos proprietarios do navíos unha responsabilidade ilimitada polo conxunto dos danos causados á sociedade afectada. Galiza tería que ser compensada cunha cifra de 4.000 millóns de euros, isto é, 667.000 millóns de pesetas, de contar co apoio dun Estado e dunha Unión preparados e capaces de demandar aos responsables do Prestige na mesma medida en que o fixeron os EE.?UU. fronte a Exxon Mobil despois do acidente do Exxon Valdez. O Consello Europeu, prisioneiro dos intereses de Estados como a Gran Bretaña, Grecia, Holanda e outros que prefiren traballar no escuro e primitivo marco legal internacional do tráfego marítimo, e cun Aznar falto de forza, credibilidade e convición, non decidiu taxativamente a proibición de circulación por aguas da UE de petroleiros de casco simple do tipo do Prestige , nen tomou ningunha decisión sobre a criazón dunha necesaria forza de intervención. Tampouco decidiu nada a respeito da localización en Galiza da Axencia Europea de Seguranza Marítima; o Goberno presidido por Aznar non apresentara a candidatura galega. Mais o carácter «imbécil e escuro» dos gobernantes que soportamos non se reduce a isto. Nun momento tan crítico, no que resulta cada vez máis evidente a ausencia dun Estado capaz, reaparece un esperpéntico poder madrileño que pretende mesmo reducir as admirables mostras de coraxe e imaxinación das que ven dando mostra a sociedade galega. Pretenden recuperar o poder dun Estado inútil mediante actos burocráticos que negan a autonomía das institucións galegas propias e mesmo a sensibilidade de todos aqueles, cos mariñeiros á cabeza, que entregan de corazón o seu esforzo para solucionar o problema que padecen e do que non son en absoluto responsables. Zaplana e Matas pretenden agora organizar os voluntarios, elixindo amais como intermediarias ás organizacións ecoloxistas de Madrid; Rajoy reúne aos presidentes das comunidades autónomas para decidir desde alí de que areais se vai ocupar cada unha das autonomías; unha empresa contratada pola administración, Tragsa, é a encarregada de desvirtuar o impulso xeneroso de mariñeiros e voluntarios; as confrarías non poden tratar co Goberno galego para vestir aos que traballan nas costas, senón que teñen que facelo coas capitanías marítimas do Ministerio de Fomento; San Caetano en Santiago é substituido por unha lonxana e inacesible torre de control portuaria, símbolo perfeito do Estado fechado e ausente. Non estamos ante unha catástrofe con causas naturais; non estamos perante «un imprevisiblel e grave desastre natural, excepcional e inevitable, imposible de prever», un acto de Deus como é definido na drástica Oil Pollution Act dos EE.?UU., senón frente unha catástrofe previsíbel despois de precedentes que fan de Galiza o país con máis acidentes deste tipo, que ten causas políticas que se poideron e, no que está por chegar, aínda se poden evitar. Non debemos esquecer isto, e menos agora que irresponsabelmente tentan normalizar a situación sen remediar todos, absolutamente todos, os imensos danos causados.