CERTOS GOBERNANTES, comprobamos, teñen a conciencia moi ancha en relación cos seus dereitos e deberes. Pola contra, a cidadanía ten escasa conciencia de cales son os seus. Ocórreseme que as persoas teñen máis siso como seareiras futbolísticas que coma cidadás. Cando un equipo comete grandes erros (véxase o caso actual do Barça), fanlle unha moción de censura ao seu presidente e obrigan a dimitir ao seu adestrador. En cambio, non se lle esixe a mesma responsabilidade aos dirixentes do Estado que manexan asuntos de moita máis transcendencia, e cómpre facelo. Comentaba no artigo anterior que os responsables do Goberno no caso do Prestige debían recoñecer a culpa. Hai quen pensa que xa o fixeron. Despois dun mes da primeira marea negra, o presidente do Goberno recoñece que é a maior catástrofe ecolóxica que houbo nunca en España e afirma que «puido haber algún erro» na actuación gubernamental. Parece que é o máximo que se pode esperar da súa fachenda. Despois destas reticencias, prometeu axudar aos pescadores, aínda que non sabemos se se refería a nós, porque aquí hai mariñeiros. Canto a Fraga, parece que pedíu perdón. Tal vez os bispos se conformen e lle perdoen o seu pecado, no nome de Deus, pero o pobo galego non pode facelo. Non pecou contra Deus, senón contra Galiza. O pobo quere xustiza e a xustiza é punitiva. Co perdón queda sen reparar a culpa. O pecado pertence a unha sociedade pasada, dominada pola relixión, na que o problema se establece entre o pecador e Deus. O pecado non transcende. Eu te absolvo, di o confesor, e o pecador queda libre de culpa. Absolver é o contrario de condenar. Nunha civilización moderna e laica, a absolución máxica foi substituída pola razón vixiante e o lugar que ocupaba o pecado está agora ocupado pola conciencia de culpa. E a culpa cómpre pagala legalmente. Existen metros para medir a culpa. Existen disposicións legais para demostrar e cuantificar a culpa. O castigo ocupa agora o lugar da penitencia. Xa non é cousa dun padrenuestro e tres avemarías, senón dun xuízo legal e a condena que corresponda. As nosas leis deben servir para responsabilizar ás autoridades correspondentes do mal que causaron. Por incompetencia, por desleixo, por deshonestidade, por agachar a realidade, por pretender negar a información... Unha vez demostrado o delicto, unha vez cuantificados os danos, debería ser posible unha condena legal. Se o director dun banco comete un desfalco, non se lle pide só que abandone o cargo, senón que cumpra condena. Non chega con dimitir, deben ser xulgados. A política, señores, non é ningunha broma.