PRIMEIRO FOI en Compostela, colapsada o pasado domingo por centos de miles de persoas que non eran nin indocumentados, nin aventureiros irresponsables, nin profetas do non, nin logreiros da marea amarga como algunhas autoridades de primeiras quixeron facernos crer, senón cidadáns conscientes, homes e mulleres deste país, a dignidade de Galicia. De vez en cando, a nosa sociedade reacciona así, como se, en medio do vacío, necesitase recoñocerse ou rencontrarse a si mesma. ¿Como non oir ese clamor? Pero a verdadeira explosión social manifestouse dous días despois. Familias enteiras nos peiraos de Bueu, Beluso, Meira, o Morrazo todo, Vilanova de Arousa, Carril, dende Ribeira a Santa María de Oia. ¡A mancha estaba nas rías! ¿Que facer? ¿A quen acudir? Sen agardar a ninguén, pois ninguén parecía responder da situación, as confrarías do mar tomaron a iniciativa. Velaí o músculo da sociedade civil: os nenos nos peiraos, deprendendo a lección da vida, ollando como os seus pais, as súas nais, os seus parentes e amigos, os veciños todos acudían a arrimar o ombro da solidariedade antiga. A resposta da rabia e da desesperación. Nunca máis esquecerán esa experiencia. A noticia está a dar a volta ó mundo. Galicia reacciona soia. A Galicia do común. A Galicia viva, consciente do que se está a xogar e de que lle vai a vida no empeño, ¡a vida!, sen esperar por ninguén, posto que ninguén chega. ¿U-la administración? ¿Onde están os nosos políticos? Á traxedia do Prestige hai que engadir esta segunda traxedia: a do vacío. Vacío de poder. Ausencia de referencias. Non sei que é máis grave, sinceramente, se a segunda ou a primeira. Alguén ha de saber tirar a lección desta catástrofe. Vinte anos de autonomía. Críamos (e predicabamos) que a razón do poder galego (o máis próximo) estaba aquí: na sensibilidade e na xestión das nosas propias cousas, recursos técnicos, económicos e humanos para termar deste tipo de situacións. ¿Quen lles explica agora a inhibición, o abandono, a falta de previsión, a incompetencia? Están sós. Ou séntense sós, que vén ser o mesmo. Isto non se amaña con diñeiro. A ferida é moito máis profunda. Tardará en cicatrizar. ¿Onde está Europa? Somos Europa. Formamos parte dese proxecto común, ó que nos incorporamos con grandes sacrificios. Sacrificamos a pesca, o leite das nosas explotacións gandeiras, unha parte importante do noso crecemento natural... Incorporámonos ó euro con consecuencias importantes (e aínda non claras) para as nosas economías domésticas. Entregamos algunhas das nosas pequenas empresas. ¡Europa! ¿Onde está? Cando as inundacións na Alemaña, o pasado verán, as primeiras autoridades da UE traballaban a pe de obra. Aquí non aparece ninguén. Nin están nin contestan. ¿E o presidente do Goberno español? ¿E os ministros? ¿Que escándalo, que confusión, que desconcerto non explicado (nin facilmente explicable) é este das competencias duns, a inhibición dos outros, a información que non chega, a inseguridade, o silencio das institucións? ¿Para que serven as institucións? Son as preguntas. ¿Que medidas inmediatas se van tomar? ¿U-lo exército? ¿Para que serve o Estado? ¿Quen se acorda desta esquina do mundo deixada da man de Deus? Na ría de Vigo hai un barco de succión de cru, deseñado para este tipo de emerxencias, que leva parado dende o caso do Mar Exeo . Disque agora están a querelo poñer a andar, pero a política do déficit cero impedíu o seu necesario mantemento (non había partida económica para iso) e non está en condicións de traballar. ¡A costa máis rica de Europa, a máis ameazada, a máis transitada, e sen as máis elementais medidas de prevención! ¿A quen pedir contas de todo isto? Só nos queda a dignidade do esforzo, o pronunciamento civil, que xorde coma un grito colectivo, clamoroso, enxordecedor.