A CATÁSTROFE do Prestige ten as consecuencias dunha grave calamidade natural, mais as suas causas son políticas, derivadas non só da escurantista xestión da crise polas autoridades, senón tamén do tratamento dado polo Estado español na UE ao problema do tráfego marítimo de substancias perigosas. Antes do acidente do Erika , e apesar das catástrofres sufridas por Galiza, os sucesivos governos do Estado non tomaran ningunha iniciativa para a UE estabelecer unha lexislación protectora das nosas costas, frente as que pasa o groso do tráfego intercontinental que se dirixe a Europa, nen nos dotou de sistemas preventivos e de tratamento destes graves acidentes. Despois do acidente de Bretaña, o Governo español viroulle de novo as costas a Galiza no proceso político, para nós determinante, da posta en marcha dos pacotes lexislativos da Unión que levan o nome do Erika . Construido en Xapón en 1976 -cando Astano era abocado a unha crise destrutiva- o Prestige tería proibida a sua navegación en Europa desde o ano 2002 se o o Parlamento e o Consello aprobaran os proxectos lexislativos apresentados pola Comisión en forma de directivas que, amais de trataren da inspeción nos portos e das sociedades de clasificación, determinaban os prazos para a obrigatoriedade do duplo casco e o estabelecimento dunha Axencia Europea de Seguranza Marítima. Segundo consta nas actas do Parlamento, foron deputados conservadores, influidos polos lobbies de proprietarios e armadores e por certos Estados, os que modificaron a proposta lexislativa, co resultado de permitir a navegación de navios de casco simple como o Prestige até o ano 2005. O Consello da UE, coa participación do Governo español, ratificou despois este tipo de nefastas decisións. Non coñecemos ningunha acción do Estado español destinada a mellorar e acelerar a posta en marcha desa lexislación. Mais ainda, cando na lexislación se incluiu a criazón dunha Axencia Europea de Seguranza Marítima, a representación institucional do nacionalismo galego reclamou insistentemente o seu emprazamento en Galiza. O tráfego soportado e os acidentes habidos constituían suficientes argumentos para contar coa defensa da reivindicación galega por parte do Governo do Estado. José María Aznar tamén despreciou esa lexítima pretensión galega, entanto que mercadeaba para o Estado outras axencias europeas menos decisivas e urxentes. Con esta nova experiencia, a marxinación dos nosos intereses vitais atinxiu un alcance tan intolerábel que é lexítimo e comprensíbel que a sociedade galega se pergunte para qué lle serve este Estado. Tanto mais ao comprobar o comportamento humano das autoridades públicas en tan dramática circunstancia. Así, cando estábamos en situación de alerta e perante ante unha situación de emerxencia na que a institución que preside Aznar tiña a misión e o deber de protexer aos cidadáns, mesmo acompañandoos coa sua presenza, contemplamos abraiados como el, en lugar de estar aquí asistía en Praga a asunción pola OTAN da doutrina estratéxica do ataque preventivo e unilateral, encantado de poder saudar obsequiosamente ao artífice, o presidente dos EE.UU. Mais a leción política desta experiencia non só ten a ver coa desidia e a dimisión do Estado español, senón tamén co exercicio da suas funcións polo Governo Galego e polo presidente Fraga. O Estatuto estabelece que o presidente ostenta «a representación ordinaria do Estado en Galiza». De acordo con isto, Fraga debeu reclamar a direción de todas as operacións necesarias para limitar e remediar as consecuencias da catástrofe, asumindo todas as competencias necesarias, en nome do Governo central e como responsábel da Xunta. Non o fixo. Permitiu que a sua función fose suplantada por unha insignificante e neste caso frívola Delegación do Governo, que nen ten personalidade constitucional adecuada, nen competencias que non sexan as da policia, nen credibilidade ou autoridade política. Despois desta renuncia, desaparecido durante unha semana, cando foi requerido pola oposición nacionalista para asumir a sua responsabilidade chegou a dicer que as competencias do Governo Autónomo se limitaban a fornecer as «palas e situar os contenedores de basura (sic)». Unha burda e cativa contestación, reveladora do seu sentido do autogoverno galego. Reveladora tamén do camiño nacional que nos queda por percorrer.