O «Prestige» de Drake

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

NA COSTA da Morte pouco importan as responsabilidade de Xibraltar ou se haberá accións legais contra os culpabeis. Interesan as previsión e os medios para evitar o que está a pasar. O ministro Cañete, dende a súa atalaia de Atocha, dixo que saíu todo mui ben e que aprendimos da experiencia; supoño que a sumar: cinco casos en vinte anos. Aprenderon si, os responsabeis políticos, que o importante é aparentar firmeza e negar os danos: «Está todo controlado», «puido ser peor se non actuáramos a tempo», «non é marea negra, só un vertido». Pero sobre todo volvimos aos enemigos atávicos: o capitán pirata (e grego pero semella Drake), a pérfida Albión que non esixe inspeccións e, polo medio: «Xibraltar español». ¿Que lle tapa todo iso ás vilas e aldeas da costa? Máis unha vez, demóstrasenos que hai pouca preparación e escasos medios (pese aos avances) para resolver situacións de emerxencia e sobre todo para evitalas ou prevelas. Ademais das responsabilidades do armador e da natureza endiañada do temporal é obrigado atender ás responsabilidades propias. A firmeza exhibida polo delegado do Goberno non parece que abondara. O obxectivo declarado foi alonxar o barco, evitar que entrara en porto galego e impedir o transvase do fuel polos riscos que tiña. Entre o xoves e o venres levouse ao Prestige mar adentro regando fuel polos caladoiros pero o sábado volvía estar moi perto e cunha fenda muito maior, producto da navegación no medio do temporal. Muitas voltas para volver ao mesmo sitio co barco en peores condicións. Coa natureza non rixen fronteiras nin xurisdiccións. Botar fóra o barco, extendendo os vertidos, e buscar culpables legais non confortará aos homes e mulleres que viven do mar. E a Xunta desaparecida. Houbo muito coidado en demostar que todo era competencia estatal pero non parece que se arranxe millor dende máis lonxe, nin que Cañete poida atinar máis que López Veiga.