Mapa dos viños galegos

| FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO |

OPINIÓN

04 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

OS CALDOS dos viñais de Galicia están a cobrar prestixio novo no ámbito da consumición europea. Este prestixio ten lonxanos antecedentes históricos. Xa nas mesas dos emperadores romanos competían cos de Rodas, de Lesbos e de Chipre. Na Idade Media os monxes bieitos déronlle sona ós líquidos tirados da uva autóctona. Nos séculos XV e XVI louváronnos cronistas como Froissart, ou escritores como Cervantes e Tirso. No XVIII o seu comercio fíxoos salientables no consumo de ingleses, franceses, portugueses e italianos. Moitas veces vímonos andando polos camiños do mapa vitivinícola do noso país. Polos clásicos Ribeiros, que forman na Galicia centromeridional catro terras de forte cerna nutricia. Terras ricaces, alagadas de luz, de cor, de tradición ilustre. As do Avia, do Miño, do Sil, do Támega. Foran nelas famosas as cepas de brencellao, de caíño, torrontés, treixadura, menciña, godello... Pero ademais dos catro Ribeiros, contábanse os viños de Amandi e os Peares, de fonda cor, pola gran porcentaxe de mencía. Os brincadeiros, lixeiros, betanceiros e chantadinos. Os tintos de Rubiós, de Meder, no Condado. Os estuados, finos, do Ulla. Os albariños do Salnés e o Rosal que, procedentes de Dalmacia, trouxeron do Mosela, do Reno, os monxes de Cluny e do Císter. Viñeron despois os estragos do oidium e a filoxera. Tódolos cultivos de Galicia sufriron os efectos das epidemias. Fixéronse viveiros con enxertos de vides sobre patrón americano para paliar a crise. Nos ribeiros ourensáns recorreuse ó xerez de uva branca e ó alacante tinto, de producción abondosa e resistente. No Salnés, por falta de rentabilidade, substituíuse a albariña por uva catalana. Porén, a nova época que estamos a vivir, orixinou o reprantexamento das vellas, prestixiadas, vides autóctonoas. Rexurdiu o seu repoboamento. Os viños do país foron, de a pouco, indo a mellor. Repensáronse e ancheáronse. Os sonados cultivos de outrora anováronse con técnicas de explotación e elaboración que os tempos demandaban. As vedrañas cepas e parreiras restauradas cobren a paisaxe, respondendo outravolta ás calidades da terra. O mencía e a treixadura recuperaron o seu antigo creto. E o godello de alta graduación. E os albariños recendentes. Volveron todos eles, con vivo protagonismo, ó comercio internacional. Porque non se emprestan á mixtificación. A química non pode coas súas características distintivas. Son íntegros, puros. É gorentoso gustar dos seus sabores. Como tamén o é contemplar a runfla e a riqueza dos viñais nos horizontes galegos. Na andadura polos camiños vitícolas do país, veñen á nosa memoria os viñais pontevedreses dispostos en parreiras. As cepas do Sil e do Bibei. As do Avia, que comezan en Valga e Cabanelas. As de Monterrei. Ou as de Amandi, Quiroga, Abeleda. Todas van, veñen, soben, polas ribeiras dos ríos que pasean augas pola paisaxe. Lembramos aquela frase de Pasteur de que o viño era o máis san e hixiénico das bebidas. Pero o xenio galego, certamente imaxinativo, ama tamén a súa cor, gusto, forza, gracia, que nel descobre.