SOLEIRA
19 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.RIBADEO está dando a toda Galicia un verdadeiro exemplo de civismo e de concordia, homenaxeando ó grande a fillos ou veciños seus de moi diversa mentalidade e significación, pero que teñen en común ser fillos ou veciños de Ribadeo. Veciños e Concello están facéndoo posible: Gamallo Fierros, Luz Pozo Garza, Calvo-Sotelo, Daniel Cortezón... e pode que alguén máis que non lembro agora. Paréceme que moi poucos concellos galegos poden te-lo orgullo de homenaxear a persoas tan dispares nos seus méritos e tan desemellantes nas súas ideoloxías. Debera se-lo máis natural, pero non é o máis común entre nós. Nos tempos que corren, de tan escaso respecto ó outro, o caso de Ribadeo debe ser salientado. Pois ese estilo de convivencia veciñal pode ser exemplo para toda Galicia. ¿Imaxináde-lo que sería se tódolos seus concellos demostrasen esa amplitude de criterio, esa intelixencia e ese civismo? Seriamos outro país. Un país moito mellor.