CALQUERA escena da película é magnífica. Quizais se tivese que escoller unha, escollería a de Javier Bardem tombado nunha rocha, co mar de fondo, soñando cun futuro mellor, con Australia, facendo un discurso filosófico-lingüístico sobre o significado das palabras, sobre o azar, sobre o destino, sobre a vida, en definitiva. A película Los lunes al sol emociona dende o comezo, coa imaxe da loita brutal entre a policía e os traballadores dos estaleiros. Moitos galegofalantes dubidan á hora de empregar esta palabra: estaleiro, astilleiro, esteleiro, asteleiro ... A forma correcta para referirse ó 'lugar onde se constrúen e reparan os barcos' é estaleiro , se ben esteleiro existe como unha variante non estándar. Tanto *astilleiro como *asteleiro son formas incorrectas en galego, xurdidas a partir da castelán astillero . De astilla, coñece o castelán astillero . En galego, o substantivo astilla debe traducirse como estela , que derivou dunha suposta forma latina astela . Estela é, pois, 'calquera anaco pequeno e irregular de madeira, que salta cando se parte ou rompe violentamente'. Con este significado é sinónimo de acha e guizo . Pero o substantivo estela fai referencia tamén a 'calquera anaco de leña fendido do toro dunha árbore'. Isto é, unha racha, rachón, refollo, acha. (Cómpre botar máis estelas ó lume) . Los lunes al sol , tanto pola forma como polo fondo, tócanos moi de cerca a tódolos galegos. Cheira a nós. falar.ben@lavoz.es