Preguntas

BENXAMÍN CASAL

OPINIÓN

SE O multimillonario Bin Laden constrúe un gran pazo, un supoñer, en Sanxenxo, e se gasta tódolos anos trillóns de dólares en albariños e chilindradas, ¿deberemos facer a vista gorda como fixemos este verán co señor Fahd, rei dictatorial, financiador dos grupos extremistas islámicos e asoballador dos dereitos humanos en Arabia Saudita, que mesmo lle mandamos (¿quen o mandou?) ó noso máximo dignitario a facerlle un xesto de submisión? ¿Dicir que esa voda constituíu un fito diplomático que encetou unhas novas relacións exteriores e rematou co noso tradicional illamento, significa que a presencia de Blair no evento garante a devolución de Xibraltar? Se, como din os xornais, as ameazas de Bush, moi amigo das sete irmás petroleiras e el mesmo con fortes intereses no sector, de disparar sobre Irak dispararon (¡que verba tan dual!) o prezo do cru, ¿a quen temos que ameazar os cidadáns do común para que aumenten os nosos mirrados salarios? Sen disparos, claro. ¿Por qué a Deputación Provincial de Lugo gastou millóns de euros do seu presuposto na adquisición do 80% do capital dunha sociedade anónima e no aval das súas débedas, e agora nega unha pequena axuda para o establecemento dun centro asociado da Universidade de Educación a Distancia na cidade das murallas, cando esta é a única capital de provincia que non ten ese centro? ¿Outra volta, panem et circenses ? Que Berlusconi estivera en España sen ser importunado pola forzas de seguridade, cando, hai meses, foi reclamada a súa comparecencia diante dos xulgados españois, ¿debe interpretarse como que o xuíz Garzón sobreseu todos os cargos que se lle imputaban e xa se nos darán explicacións do asunto ou ben...? Se seguen sen aparecer Bin Laden e o mulá Omar, e non se declara culpables ós torturados de Guantánamo, ¿teremos que destruír, os ianquis e nós, media Asia ata dar cos responsables do 11-S?, ou ¿é que Bush pensa eliminar a pobreza por un método análogo ó que propugna para acabar cos incendios?