Referímonos, xa que logo, ós topónimos galegos. Foi Filgueira Valverde quen fixo a súa análise nun traballo que sitúou ó gran escritor na paisaxe natal. Ou seña, na do Salnés, «terra de romance, onde cada lugar leva consigo unha vella historia». Filgueira contou que en Valle había moito de hábito e ansia de andar. Nelo deberon influír as corricadas da nenez. Hoxe a Paradela con seu tío crego. Mañá coa aboa á Pobra. Pasado en Sobrán, de camiño para Padrenda... O que máis nos chamou a atención no devandito traballo, é a interpretación do autor sobre os nomes de lugares que figuran na obra valleinclanesca. Segundo dí, a paisaxe está lonxe dos horizontes natais. Si está presente na obra, non é como fondo escénico dos personaxes. Cando describe o lugar da acción non pensa nos vales da ribeira, senón nos da montaña. Para soster este xuízo, procura Filgueira unha explicación. Na paisaxe de Galicia, as rías pintáronse moitas veces. Pero a montaña gardaba un atraemento de táboa primitiva. Horizontes altos, de carpazas e liñares. Con mulleres que fían diante das chouzas. Con pegureiros de frío mirar. Con estreitos regueiros de augas louridas. Valle-Inclán escolleu estes lugares primitivos. Tampouco son, na súa maioría do Salnés, os topónimos que engasta na ourivesaría das prosas. Para el, eses nomes non eran proceso verbal de índole artística. Con frecuencia estes fonemas, rebuscados, sonoros, ocupan unha situación tónica na frase. Moitas veces son pura base de suxerencias e evocanzas secundarias. Segundo o autor do traballo que glosamos, a toponimia en Valle-Inclán non posúe un significado concreto de lugar. Trátase de formas galegas que puideran ir embebidas de vivencias. Trátase de palabras castelás, americanas, vascas, mesmo italianas. Trátase só de empregar a posibilidade dunha cadencia máis no feitizo da linguaxe. Por iso, as localizacións axiais da súa obra están afastadas da comarca natal. Filgueira Valverde avala a súa tese con exemplos. Eis algúns delas:«Brandesco» ten que se procurar en terras de Arzúa. «Bradomín», colocado preto de Lantaño, é adaptación de Brandomil de Céltigos en Corcubión. «Cela», que se sitúa novelescamente no Salnés, atópase no Morrazo, en Faro ou no Porriño. «Viana del Prior» quere traducir Pobra do Deán, pero leva notas descritivas de Mondoñedo. «Cangas» está no Morrazo. «Nigrán» preto de Vigo. «Agar» en Tabeirós. A «Amahía» veciña de Santiago. A parroquia de «Céltigos» en Ordes. «Tor» no Val de Lemos... Filgueira sostén que o autor das Comedias bárbaras pensa no Salnés, aínda que cambia a súa paisaxe e dá novas denominacións ós seus lugares. Canta nos seus versos os vellos carreiros e as terras da bisbarra onde naceu. Pero a penas a evoca co seu nome noutras descricións que na de «Juan Quinto y Cara de Plata». Remata o traballo do que nos ocupamos, aludindo ós topónimos que proceden do Salnés. Tamén dos de procedencia da «banda de alá», señoreada polo Barbanza.