Estes días estamos bombardeados por informacións que remiten á isla ou islote de Perejil . Segundo se indicou nas páxinas deste periódico, a illa recibe o nome da abundante existencia desta herba nas súas rochas. Outros historiadores, sen embargo, pensan que Perejil tomou o nome dun mariñeiro que habitou a illa e que se apelidaba Pérez-Gil. Sexa como for, nos medios de comunicación galegos estase empregando 'illa de Perejil', se ben algúns importantes políticos falan da 'illa de Perexil'. Non serei eu quen propoña desde estas liñas a galeguización do topónimo (que, por certo, os marroquís chaman Leila ou Tourah ), mais, no caso de que alguén así o pretendese, cómpre dicir que existen dúas posibilidades de traducción. Pois, o galego, a falta dun, ten dous nomes para esta planta: perexil e pirixel . Poderíase falar de 'illa de Perexil' (que se xustificaría tamén como unha adaptación fonética a partir do castelán), ou de 'illa de Pirixel' (traducción directa do castelán). Para gustos. O pirixel/perexil (do provenzal pe[i]ressil ) é orixinario do Mediterráneo, en concreto, de Turquía, Sardeña, Alxeria e Líbano. Os gregos e os romanos comían pirixel para quitar o mal alento, e algúns historiadores contan que os gladiadores o tomaban antes dos combates, pois críase que proporcionaba forza. E así é, polo seu contido en vitamina A. Hoxe o pirixel é condimento indispensable das nosas comidas. Se cadra, Arguiñano sería bo mediador no conflicto da illa de Perejil. E con fundamento .