Durante os últimos meses reactivouse o debate sobre o futuro do sector eléctrico, animado polos graves problemas de subministro sufridos en decembro de 2001. De maneira paradoxal, cando o Goberno español pretende que o conxunto da UE adopte medidas concretas en favor da liberalización da enerxía, se poñen de manifesto as numerosas deficiencias que este proceso presenta actualmente no noso país. En 1996 aprobouse a liberalización do sector eléctrico. O seu obxectivo prioritario era a introducción da concorrencia na xeración e distribución de electricidade, o que permitiría unha reducción progresiva de tarifas entre outras melloras previstas para os usuarios. Consumouse a privatización do sector coa venda do 100% de Endesa e destináronse máis de 1,5 billóns de pesetas como axuda para que as empresas eléctricas puideran adaptarse ó novo escenario. De maneira estricta, podemos afirmar que o proceso de liberalización aínda non comezou posto que tres empresas seguen acaparando máis do 90% do mercado e, seis anos despois, aínda non se crearon as condicións para a entrada de novas empresas. Os apagóns de decembro viñeron a demostrar que o diñeiro público absorbido non foi utilizado polas empresas en adaptarse á competencia, é dicir, en mellora-las súas instalacións de xeración e sobre todo de distribución que é o subsector que máis investimentos necesita no momento actual. Adaptarse á concorrencia significa tamén ser capaces de prever e de facer fronte ós aumentos da demanda de electricidade. Non temos que esquecer que a segunda metade da década dos 90 foi claramente expansiva. Non cabe neste aspecto, ningunha exculpación ás compañías eléctricas posto que ningunha lei lles prohibe atender o seu propio mercado nas mellores condicións posibles. A reacción das empresas ante o novo marco legal foi a súa diversificación en diferentes sectores, dende a minería ata as telecomunicacións ou a consultoría. Ó mesmo tempo reducíronse empregos nas grandes empresas para aumenta-la subcontratación, externalizando actividades como as reparacións da rede de distribución e outras que resultan básicas para a calidade do servicio. O Goberno, pola súa parte, capea o temporal (neste caso seco e frío) con declaracións públicas que non se traducen en ningunha medida concreta. Os apagóns de decembro serviron de desculpa para paraliza-lo descenso de tarifas dos últimos anos ¿conxelando as domésticas e aumentando nun 1% as industriais¿ e pode servir para un novo aumento de tarifas xa que nos últimos días Unesa (a patronal do sector) ameazaba con destinar 1,8 billóns de pesetas a outras actividades se non se produce dito incremento. Dende o ámbito sindical, como traballadores e cidadáns non estamos en contra de que exista verdadeira concorrencia no sector, pero é evidente que un ben básico para os cidadáns e para o funcionamento dunha economía moderna como é a enerxía eléctrica necesita dunha planificación e atención especial por parte dos poderes públicos, unha regulación que garanta que o crecemento da demanda vai a ser atendido cos niveis de calidade e de respecto ó medio ambiente propios dunha sociedade desenvolvida.