OS DOUS MONTEROS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

07 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Non foi a primeira vez que me pasa nin será a última, supoño: escribir o nome de Santiago Montero Díaz en vez de Eugenio Montero Ríos. Ocorreu na columna de onte, como se encargaron de recordarme algúns amigos e incluso unha señora descoñecida. A verdade é que os nomes se parecen bastante, incluso contan o mesmo número de sílabas, ó contrario do que debía suceder cos personaxes, que non creo que tivesen moito parecido. Eu tratei algo ó primeiro deles, don Santiago, que era un señor pequeno e moi intelixente, un pouco faltón, sobre todo cando bebía, pero cheo de enxeño, agudeza e unha grande cultura. Os poetas Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño recordarán ben unha noite en Compostela, alá polo principio dos anos sesenta, cando don Santiago Montero montou a marimorena nun dos Colexios Maiores da cidade universitaria, acusando ó director na súa cara de ser dunha determinada rexión española abundante en porcos, todo porque a chave da luz do dormitorio que lle asignaran estaba na porta e non na cabeceira da cama. A don Eugenio, naturalmente, non o coñecín, pero resúltame un personaxe atractivo. Poucos políticos dimitiron tan ben como el: como ministro, como presidente do Goberno e como presidente do Tribunal Supremo. Foi todo, pois chegou tamén a presidente do Senado, pero non conseguiu en cambio ser xefe do seu partido, que era o liberal, o cal o levou a crear unha formación política propia: o partido monterista. Tivo duas grandes amarguras na súa vida: firmar o Tratado de París, coa derrota de España fronte ós Estados Unidos, e a rivalidade do Marqués de la Vega de Armijo. Bateuse con el a sable, pero a cousa quedou en táboas.