O POBO SOBERANO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

06 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Estes días das festas estiven lendo unha historia de crimes famosos, literatura que sempre me entretén. Mesturados con eles, incluíanse tamén algúns atentados, como a bomba contra o xeneral Martínez Campos, que lle tirou un tal Paulino Pallás, un alucinado de vinte anos, o cal, despois de lanzar a dinamita, púxose a berrar: «¡Fui yo! ¡Fui yo!»; ou a masacre do Liceo de Barcelona, no mesmo ano de 1893, cando outro tipo delirante, un tal Santiago Salvador, matou a dezaoito persoas polo pecado de seren burguesas, ou sexa, por asistir á representación dunha ópera. Con frecuencia, a estupidez causa mortes. Tamén estiven lendo a historia do Crimen de la Calle de Fuencarral. Ademais do suceso en si, que consistiu no horrible asasinato dunha señora por parte da criada, o máis interesante foi o que se descubriu. Resulta que o fillo da morta, un tal Varelita, a quen quixeron complicar no crime, estaba cumprindo pena de cárcere por varias falcatruadas, pero saía da prisión para ir ós touros, asistía a festas e participaba en bailes. O escándalo ocasionou a dimisión do director do cárcere, o señor Millán Astray, e do mesmo presidente do Tribunal Supremo, don Santiago Montero Díaz, coñecido en Galicia como O Cuco de Lourizán. A xente chegou a desconfiar tanto dos políticos e dos xuíces, que cando a criada asasina, Higinia Balaguer, foi executada por garrote vil no patio da Cárcel Modelo, correu a lenda, que todo o mundo daba por certa, de que se tratara dun montaxe e que a condenada fora sustituída por unha boneca de trapo, moi ben feita. Naturalmente, non era certo, pero ninguén o aceptaba. O pobo soberano ten a razón, pero moitas veces se equivoca.