A GUERRA CURTA

La Voz

OPINIÓN

MANUEL REGO NIETO

04 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Na guerra chamada anti-terrorista que os EE UU levou a cabo en Afganistán, non eran moitos os que coidaban que ía a ser tan curta. Os entendidos en cuestións bélicas siñificaban que logo de os bombardeos, que un día sí e outro tamén, chegaría o momento de por a infantería a loitar cos talibáns. Aí estaba a cuestión. Cando chegue ese momento, dicían os analistas bélicos, os EE UU atoparanse con outro Vietnam, e cecais lles pasará como ós rusos, que logo de moitos anos de loita saíron co rabo entre as pernas. Mais logo de varios meses de bombardeos incesantes, os norteamericanos, tras convencer a Pakistán, inimigo da Alianza do Norte, deixaron a istes afganos -tan bestas cáseque como os talibáns- que, inda que divididos en moitas etnias e tribos, fixeran o gasto por terra, sen necesidade de que os norteamericanos e os seus aliados tiveran que por os pés no campo de batalla. Por unha vez, dende o Pentágono tiveron a lucidez de non arriscar á infantería que, sen dúbida, ocasionaría moitos mortos. Claro que a captura de Bin Laden non aparece como unha cuestión que axiña se vaia resolver. Inda que lle compense á industria armamentista o gasto feito sobre o terreo afgano.