CARLOS CASARES
20 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Cumprindo cos deberes dun cidadán precavido, fun mercar a bolsiña dos euros (333 pesetas). Non están mal. Os céntimos recordan, pola color, as moedas de cobre das que falaba onte, que se empregaban para cocer o pulpo. Aínda que supoño que estarán feitas dunha aleación desas raras que hai agora, teñen un aire de cousa vella que lle acae bastante ben. Eu tiña medo que se lles ocorrese facer un diñeiro de aspecto demasiado moderno e que a xente o tomase de broma. Non caeron na tentación, o cal era bastante previsible, a pouco que se pensase con algo de sentido común. Os cartos son un asunto serio e non se pode xogar con el. O único que se atreveu, que eu saiba, a facer irreverencias co diñeiro, foi Ernesto -Che- Guevara, que cando era gobernador do Banco de Cuba non tivo reparos en firmar os billetes oficiais co seu alcume. Para o caso foi como se un Gobernador do Banco de España a quen os amigos coñecían como Patita, pola leve coxeira que padecía, ousase estampar esa nomeada no lugar reservado á firma cristiá que lle correspondía polo seu cargo. O diñeiro debe ser unha cousa tan seria que, como comentei aquí aínda hai pouco citando ó meu amigo Quico, é o verdadeiro demo, xa que o outro non existe. Non é que, ás veces o diñeiro non sexa un anxo, pero vese máis facilmente o seu rostro malvado de satanás. Esquecemos sen decatarnos os aspectos positivos (os problemas que resolve, as enfermidades que cura, os regalos que permite facer ás persoas ás cales amamos), pero non pasan desapercibidos os problemas que crea. De aquí a poucos días, haberá xa alguén que lle terá quitado a vida a outro por uns cantos euros destes virxes, aínda sen pecado. Ata entón, serán bonitos.