CINE E TELEVISIÓN

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

06 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando estiven en Frankfurt, hai unhas semanas, pasei bastante tempo no pavillón dedicado ós libros electrónicos, que empezan a ter cada vez máis adeptos en todo o mundo. Como eu teño falado aquí varias veces sobre ese asunto, xa se sabe que son entusiasta do novo sistema, o cal non quere dicir que me guste máis que o anterior. Para o caso é como se un tivese que renunciar a ver o cine na televisión, nunha pantalla máis pequena que a dunha sala cinematográfica, sen escuridade arredor e sen ese ambiente que todos asociamos desde nenos coas grandes películas e os actores e actrices que máis nos fixeron gozar. Preferir, un prefire ír ó cine, pero non renuncia por eso a velo no televisor. Non é igual, pero tampouco é como para despreciar. Imaxinar unha noite de chuvia e vento, acender o lume, botarse nun sillón de orellas, deixar que o can se deite na alfombra e que o gato se acoche nun sofá, conectar a continuación o televisor e ver unha película de Billy Wilder (A vida privada de Sherlock Holmes, por exemplo) non está nada mal. Hai uns días lin neste mesmo periódico que alguén dicía, falando do futuro do libro, que non resultaba fácil imaxinar a ninguén lendo un libro nun ordenador, o cal me parece un comentario cheo de sentido común. Un ordenador non se pode levar á cama, por suposto. O que pasa é que esa non é a alternativa, da mesma maneira que a alternativa do avión non é o coche. Os libros electrónicos lense nuns pequenos dispositivos que caben no peto da chaqueta (eu levo case sempre un comigo) e teñen as súas ventaxas, como sucede co televisor en relación co cine. Este ano, en Frankfurt había para todos os gustos. A min paréceme ben.